Friday 22 de November de 2024

Ovidio Rodeiro e Yolanda Bouzas inauguran unha senda peonil e ciclista na AC-543, entre as localidades de Gándara e Gundín (Brión), na que se investiron máis de 253.000 euros


A tenente de alcalde de Brión agradeceu a iniciativa e reiteroulle ao delegado da Xunta a necesidade dunha actuación semellante para mellorar a seguridade viaria na AC-300, ao seu paso por Pérros

O delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e a primeira tenente de alcalde de Brión, Yolanda Bouzas, inauguraron esta mañá a senda peonil e ciclista na AC-543, que une as localidades de Gándara e Gundín (Brión) e que supuxo un investimento de 253.000 euros. Un acto no que estiveron acompañados polos concelleiros de Seguridade e Protección Civil, José Pedro Cambón Fernández; de Deportes, Jesús Quintela Vázquez; e de Maiores, María Guarina Rey Vázquez, así como técnicos que traballaron na obra.

Yolanda Bouzas desculpou a ausencia do alcalde brionés, quen non puido asistir polo atraso do seu voo de volta dunha actividade como deputado provincial en Bos Aires (Arxentina), e aproveitou para trasladarlle a Ovidio Rodeiro a necesidade de acometer unha actuación semellante de mellora da seguridade viaria na AC-300 Os Ánxeles- A Picaraña, especialmente ao seu paso pola localidade brionesa de Pérros. “É un tramo máis pequeno que este que inauguramos hoxe pero onde hai zonas moi estreitas que, unido a que é unha estrada moi empregada por vehículos de alto tonelaxe, supoñen un perigo na seguridade viaria tanto dos peóns coma dos propios condutores”, explicou a primeira tenente de alcalde de Brión.

Senda peonil Santiago-Ames-Brión

A actuación consistiu na execución dun itinerario peonil e ciclista duns setecentos metros de lonxitude e 1,8 metros de ancho pola marxe dereita da estrada AC-543, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 10+160 e 10+970, que permite a conexión de aldeas como Buio e Gundín coas zonas de concentración de servizos e equipamentos no municipio. Unha senda executada en formigón coloreado e separada da estrada por unha zona axardinada de case un metro de ancho, ademais dos bordos delimitadores.

Para a súa realización foi necesaria a construción de dous muros de contención de pedras de granito de 486 m2 e a colocación de 228 metros de barreiras de seguridade e 255 metros varandas de aceiro galvanizado. A senda compleméntase coa instalación de redes de drenaxe de augas pluviais e de tubaxes en previsión de futuras canalizacións de servizos de telefonía ou electricidade.