O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, apuntou na Coruña, durante a clausura do curso académico da Escola de Finanzas, que a formación abre as portas do futuro laboral e que se trata da mellor fórmula para que Galicia poida seguir crecendo e ser cada vez máis forte e competitiva.
Conde destacou a importancia da formación de calidade, como a que se imparte na Escola de Finanzas desde hai máis dunha década, unha cualificación que lle ten permitido posicionarse no ranking de escolas de negocio do CSIC con 10 másteres e máis de 200 docentes. Ademais, resaltou a necesidade tamén de impulsar a formación desde as administracións e institucións observando os cambios que se están producindo no novo modelo produtivo, escoitando as demandas das empresas e adiantándose aos perfís que veñen. Para rematar, apuntou que xunto á formación é necesario o talento que, en palabras de Conde, se adquire tamén a través de accións formativas e cunha actitude positiva.