Friday 22 de November de 2024

O Concello de Noia aproveitará as obras de remodelación das beirarrúas na rúa República Arxentina para facer melloras na rede de abastecemento de auga


Os traballos terán lugar na mañá do martes 3 de xullo e suporán a interrupción do subministro de auga na marxe esquerda da rúa entre as 9:00 e as 14:00 horas

O Concello de Noia aproveitará as obras de mellora da accesibilidade na rúa República Arxentina para acometer melloras na rede de abastecemento de auga. Uns traballos que suporán a interrupción do subministro de auga na marxe esquerda da rúa (entre a Praza das Américas e a rúa Costa Santo) o martes 3 de xullo, entre as 9:00 e as 14:00 horas.

O concelleiro de Obras, Martín Fernández Godón, explica que “aproveitando os traballos de mellora da accesibilidade imos instalar unhas chaves co obxectivo de poder regular as zonas de corte nesta rúa, de xeito que se poida independizar en tramos, sobre todo nos cruces entre a rúa República Arxentina coas rúas Colombia e Cereixeiras”. Dende o Concello de Noia piden desculpas á veciñanza polas molestias que esta interrupción do servizo poida supoñer pero salientan que “deste xeito, a reparación de calquera futura incidencia na rede de abastecemento desta rúa non obrigará a cortar o subministro a toda a rúa, senón só onde tivo lugar ese incidente”.

Esta actuación realizarase aproveitando as obras de mellora da accesibilidade na rúa República Arxentina, nas que o Concello de Noia inviste 65.895 euros e que están sendo executadas pola empresa Arines SL. Uns traballos que comezaron a pasada semana e que teñen un prazo de execución de 21 días, polo que estarán rematadas a mediados do mes de xullo.

Unhas obras que dan continuidade ás beirarrúas que o Concello de Noia acaba de acondicionar na rúa Travesía e que mellorarán dun xeito notable a accesibilidade e a seguridade dos peóns. Unha actuación que se complementará coa futura remodelación da praza das Américas, onde se recortará a glorieta para mellorar a seguridade viaria e se reordenará o tráfico e as prazas de aparcamento.