Esta actuación, cun prazo de execución de 9 meses, permitirá interceptar parte dos caudais que chegan á rede da Rambla San Pablo en puntos intermedios, intersección coa rúa Doutor Francisco López e Camiño de Cábadas
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de adxudicar esta semana as obras de reposición da rede de pluviais da estrada AC-840, no centro urbano de Melide, cun investimento de máis de 196.000 euros.
Con esta intervención, o departamento de Infraestruturas da Xunta persegue a diminución, tanto en importancia como en frecuencia, dos episodios de inundación que se producen nesta zona urbana do Concello de Melide os días de precipitacións intensas, nas proximidades desta estrada autonómica, coincidente cun punto baixo do terreo.
A actuación adxudicada á empresa Construcciones Ponciano Nieto SL, e que dispón dun prazo de execución de 9 meses, permitirá interceptar parte dos caudais que chegan á rede da Rambla San Pablo en puntos intermedios, intersección coa rúa Doutor Francisco López (Pq. 49+670) e Camiño de Cábadas (Pq. 49+940). Deste xeito, redúcese o caudal que chega á zona urbana e minimízase a casuística asociada á topografía e configuración da rede existente, para o que se actuará tamén nestes viais locais.
Máis en detalle, as obras dimensionan a conexión da rede de pluviais existente na Rambla de San Pablo coa rede de pluviais existente na Rúa Doutor Francisco López García. A ensamblaxe realízase mediante unha arqueta de derivación que desvía parte do caudal a través dun colector, que enlaza coa rede de pluviais existente. Ao final da Rúa Doutor Francisco López García proxéctase a continuación da rede de pluviais, eliminando a conexión coa rede de residuais, ata o punto de vertedura na cuneta do camiño veciñal.
As obras tamén inclúen a conexión da rede de pluviais existente na Rambla de San Pablo cunha nova rede de pluviais ao longo de Camiño de Cábadas. Dita conexión realízase a través dunha arqueta de derivación, desde a que se envía parte do caudal a través dun colector.
No marco desta actuación, na Rambla de San Pablo se inclúe a reposición do paquete de firme completo na traza das gabias a executar, reforzado con formigón armado a canalización nos treitos de calzada, e repoñendo a capa de rodadura en todo o ancho da calzada, entre o Pq. 49+580 e o 50+280. E na rúa Doutor Francisco López García e en camiño de Cábadas realizarase a reposición de firme e repintado da sinalización horizontal.
As obras completaranse co cegado dos pozos de rexistro das redes de residuais e pluviais, para evitar os ruídos que producen co paso do tráfico. Tamén trasladaranse á beirarrúa os pozos de saneamento, e realizarase na calzada a reposición de firme necesaria.