Os propietarios/as que desexen participar terán que dar o seu consentimento nos meses de xullo e agosto
O auditorio da Casa da Cultura de Lousame quedou moi pequeno na noite de onte xoves para albergar aos máis de 130 veciños e veciñas que asistiron á charla informativa “Concentración parcelaria de montes na parroquia de San Xoán de Lousame”, impartida por Miguel Ángel Pérez Dubois, director xeral de Desenvolvemento Rural, quen estivo acompañado pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde. A alcaldesa aproveitou para propoñer o inicio dunha concentración parcelaria na parroquia de Lousame para aproveitar mellor a riqueza forestal existente no municipio, sempre que as persoas propietarias dos terreos estean interesadas.
“O ideal sería toda a parroquia, pero sería posible facelo por partes. Dende o Concello imos abrir unha lista para que firmedes as persoas propietarias que esteades interesados, porque se non hai interese dos propietarios non haberá concentración. Pero non quero que perdades esta oportunidade porque sei que se empezamos por unha parroquia, virán outras”, explicou Teresa Villaverde. A alcaldesa explicou que “empezamos por Lousame porque é onde máis xente se dirixiu ao Concello para solicitar esta concentración, especialmente veciños e veciñas de Berrimes, Maxide, Ces e Aldeagrande”.
Listado de interesados
Unha proposta que foi moi ben acollida polas persoas presentes na Casa da Cultura, que aproveitaron tamén para resolver as súas dúbidas con Miguel Ángel Pérez Dubois. De feito, no encontro acordouse dar un prazo de dous meses (xullo e agosto) para que as persoas propietarias interesadas en participar na parcelaria se inscriban nun listado proporcionado pola Consellería do Medio Rural e indiquen as parcelas que entrarían na concentración.
Un listado que estará dispoñible no Concello de Lousame a partir do luns 9 de abril e que tamén se levará polas distintas aldeas. En ambos casos, o Concello de Lousame porá a disposición dos propietarios un técnico para resolver as dúbidas que poidan xurdir. En caso de que, como semella, a parcelaria sae adiante, a alcaldesa de Lousame anunciou que presentaría a solicitude ante a Xunta o 17 de setembro “e iniciaremos outra. Unha vez que estea en marcha a de Lousame iremos a outra parroquia, sen agardar a que remate o proceso. E a seguinte será Tállara, que tamén ten interese”.
De todos modos, Villaverde deixou moi claro que a parcelaria “non é simplemente abrir pistas, temos unha zona moi rica e hai que quitarlle un rendemento, polo que elaboraremos un Plan de Aproveitamento”. Así mesmo, insistiu en que “isto é algo que temos que traballar en conxunto, deixando atrás as diferenzas e tendo todos claro o obxectivo: aproveitar a riqueza forestal que temos no municipio e que está desaproveitada”.
A alcaldesa de Lousame pediulles aos presentes na charla que analicen e estuden esta proposta con detemento e consulten calquera dúbida aos técnicos do Concello. O documento a asinar estará dispoñible no Concello de Lousame dende o 9 de xullo ata finais de agosto. “Imos empezar por Lousame e, unha vez que a presentemos, inmediatamente convocaremos outra reunión noutra parroquia, posiblemente Tállara en setembro”.
Dúbidas
Pola súa banda, Miguel Ángel Pérez Dubois contestou a todas as dúbidas que lle plantexaron os veciños e veciñas, que se interesaron especialmente pola duración do procedemento. “O tempo depende de todos”, indicou Pérez Dubois, “cada zona é un mundo pero, coa nova lei, os prazos se acurtan moito, pois marcan un tempo de dous meses para presentar escritos para todos os propietarios”. O director xeral non quixo dar unha data pois “depende do número de propietarios e do número de alegacións que se presenten. O que podo garantir é que a transparencia é unha característica principal durante todo o procedemento e que estaredes totalmente informados do que se vai facendo”.
Pérez Dubois tamén confirmou que a parcelaria non ten que afectar necesariamente a toda a parroquia, que se ben sería o ideal non é obrigatorio, pois pode facerse por zonas. Tamén insistiu en que “non é só reducir o número de parcelas, tamén ten que haber un aproveitamento maior” e indicou que, de acordo coa lei, “o monte veciñal, por ser tal, non ten por que ser excluído da concentración”. Así mesmo, corroborou a afirmación da alcaldesa de que “se hai interese, seguiremos con outras parroquias”.
Durante a reunión, que durou dúas horas, moitos dos presentes amosaron o seu interese en participar na parcelaria xa que, como indicaron, non dispoñían do terreo preciso para acometer os seus proxectos.