Trinta persoas remataron o curso que, por primeira vez, desenvolveuse ao longo de todo o ano
O alcalde de Noia, Santiago Freire, e a concelleira de Ensino, Ángela Neri, fixeron entrega dos diplomas acreditativos do aproveitamento da Escola Municipal de Pais e Nais, celebrada durante o ano. Unha formación impartida pola psicóloga Rocío García Castro e na que participaron máis de 40 familias do municipio, se ben só 30 puideron rematar o curso con éxito.
Santiago Freire manifestou o seu compromiso de seguir con este curso o próximo ano porque “todo o que se faga polo ensino e por esta Escola de Pais e Nais é positivo e contribúe a que as familias poidan resolver dúbidas, compartir experiencias e colaborar entre todos a facer unha sociedade mellor. É unha satisfacción ver que o curso foi útil e ben aproveitado”. Un punto no que incidiu Ángela Neri, quen destacou que “despois de ler as vosas impresións sobre o curso e os logros conseguidos penso que vos serviu de axuda para evitar problemas na casa, polo que seguiremos manténdoo o próximo curso”.
Pola súa banda, Rocío García agradeceu a gran participación das nais e pais de Noia pois “mesmo estou sorprendida da satisfacción que xerou en vós. Foi un curso máis intenso e extenso porque así o quixestes, especialmente os do grupo de adolescentes”. Neste sentido, exemplificou que “os temas de acoso escolar leváronos catro sesións e entramos en profundidade tamén en temas como as drogas ou a sexualidade”.
O alumnado aproveitou a ocasión para agradecerlle á concelleira de Ensino que este ano ampliase o tempo de formación e lle plantexou a posibilidade de contar cun espazo máis amplo para as actividades para a vindeira edición.