O plan prevé campañas informativas para recordar as obrigas, dando un prazo temporal para que, no suposto de detectar incumprimentos, se corrixan
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou tras o Consello, a posta en marcha en 2015 do Plan de inspección de comercios, que prevé chegar a revisar en torno ao millar de establecementos comerciais no vindeiro ano.
Feijóo destacou a aprobación, hoxe no Consello da Xunta, dun decreto que desenvolve regulamentariamente o papel da inspección de comercio -ao abeiro da Lei de comercio interior de Galicia-, ao regular o persoal inspector, coas súas correspondentes prerrogativas, incompatibilidades, coas causas de abstención e recusación e coas súas obrigas.
O titular da Xunta precisou, ademais, que o texto regulará os diferentes documentos nos que se plasma a execución dos labores de inspección, tales como comunicacións, dilixencias, informes ou actas.
“Aproveitamos para aprobar xa o Plan anual de inspección de comercio do ano 2015. Neste ano 2015 ponse en marcha este primeiro plan de inspección, no sentido dun documento único para concretar todo o calendario de actuacións durante o ano para buscar a mellor calidade do comercio galego e o mellor servizo aos consumidores”, sinalou Feijóo ao respecto.
Segundo explicou, este programa prevé tres tipos de actuacións: a primeira delas, unha campaña informativa, para recordar as obrigas, dando un prazo temporal para, no suposto de detectar algún incumprimento, se corrixa. En segundo lugar, o presidente da Xunta referiuse á campaña de control de cumprimento da normativa, con campañas específicas sobre: venda en rebaixas, venda en liquidación e venda con desconto, ou campañas sobre devolución de produto, prezos e medios de pagamento, feiras de oportunidades e horarios comerciais. Como terceira actuación, Feijóo remarcou que se vai incidir “dunha forma intensa no plan de verificación do cumprimento das subvencións de diñeiro público”. “Aqueles comercios que teñan subvencións como consecuencia dos plans que a Consellería de Economía e Industria ou calquera outra destine aos comercios, terán unha verificación do cumprimento destas subvencións”, asegurou.