20 alumnos e alumnas formáronse nas especialidades de Operacións auxiliares de revestimentos continuos en Construción e Traballos de carpintería e Moble
O Obradoiro de Emprego Boqueixón-Vedra concluíu a súa actividade logo de nove meses de aprendizaxe a traballo. O acto de clausura estivo presidido polo delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, e mais polos alcaldes de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, e de Vedra, Carlos Martínez Carrillo, e desenvolveuse nas instalacións da antiga estación de tren de Santa Cruz de Ribadulla (Vedra).
Na súa intervención, Fernández Munín agradeceu a alumnado e profesorado “o traballo desenvolvido neste tempo, agardando que resultase moi proveitoso”. Neste senso, felicitounos polo “bo labor levado a cabo en distintas instalacións municipais do Concello de Boqueixón”.
Un total de 20 persoas participaron no Obradoiro de Emprego Boqueixón-Vedra, “que contou cun orzamento de máis de 280.000 euros”, tal e como explicou Ovidio Rodeiro Tato. O alumnado recibiu hoxe os certificados de profesionalidade, con validez nacional, nas especialidades de Operacións auxiliares de revestimentos continuos en Construción e de Traballos de carpintería e Moble. “Agora tócavos a vós continuar nesa busca dun posto de traballo. Agardo que esta formación vos sirva para atopar emprego”, concluíu o delegado territorial da Xunta.
Actuacións en Boqueixón
O Obradoiro de Emprego Boqueixón-Vedra serviu para levar a cabo diversas actuacións en ambos os dous municipios. No caso concreto do boqueixanés, acometéronse reformas na Casa da Cultura de Camporrapado e no local social de Lestedo.
No primeiro caso, acometeuse a reposición de todo o pavimento, teitos e carpintería, ademais de mellorar o soto, ampliándoo co derrube dun tabique. O alumnado tamén acometeu unha importante reforma no primeiro andar da Casa da Cultura, que permitiu a habilitación dun aula de formación homologada, na que se poderán impartir cursos oficiais. Ademais, levouse a cabo a reposición de toda a carpintería, ademais da habilitación de tarifa flotante en todo este andar.
Pola súa banda, o local social de Lestedo foi obxecto tamén de varias reformas. Parte delas centráronse en traballos de pintura, no caso da pranta baixa –aplicando tamén unha nova capa ao chan-, e do segundo andar. Xa na terceira pranta, pintouse a sé do CRA Boqueixón-Vedra e habilitouse para o seu próximo uso un local situado xusto a carón deste.
Neste último caso, realizáronse traballos de carpinteiría –coa colocación de portas novas-, ademais de realizar o revestimento das paredes. Os traballos remataron co pintado deste local.