Comezaron as obras de acondicionamento dun aparcadoiro público en superficie na avenida de Ferrol, nas que se van investir algo máis de 95.000 euros. O concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial, Rafael Peña, deu conta do inicio dos traballos nunha rolda de prensa na que avanzou as actuacións que van comezar nas próximas semanas.
Rafael Peña lembrou que “o acondicionamento do aparcamento da avenida de Ferrol é unha demanda da veciñanza e do comercio de Conxo, á que por fin lle imos dar resposta”. O estacionamento ocupará a parcela que estaba reservada para a construción do novo centro de saúde do barrio, “actuación que segue sen figurar entre os plans inmediatos da Consellería de Sanidade”.
O aparcamento da avenida de Ferrol debe estar acondcionado no prazo de tres meses. A área de estacionamento terá entre 55 e 75 prazas, e o acceso rodado producirase dende o punto máis afastado do cruce da avenida de Ferrol e a rúa de Conxo de Arriba, e o acceso peonil farase a través dun camiño adaptado dende a pequena praza fronte á rúa de Sánchez Freire ata o paso de cebra da rúa de Conxo de Arriba.
Acondicionamento Ponte Marzán-Cruceiro de Sar
O concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial tamén deu conta hoxe do inicio previsiblemente na próxima semana das obras de rexeneración da calzada no eixo Ponte Marzán-Sandino-Cruceiro de Sar. Rafael Peña explicou que a obra, orzada en máis de 350.000 euros, “mellorará notablemente a conexión da parroquia de Aríns co centro da cidade, nun tramo que coincide coa Vía da Prata”.
O proxecto ten un prazo de execución de seis meses. A obra suporá a renovación total do firme, e contempla tamén obras de reparación puntuais nas beirarrúas e mellora da accesibilidade. Segundo explicou o concelleiro, “nos meses de xullo e agosto traballarase na renovación do firme, para aproveitar que se reduce o tránsito, e no outono acometerase a parte das beirarrúas”.
Accesos a Busto
Tamén vai arrancar nos próximos días a obra de mellora da pavimentación dos accesos a parroquia de Busto, á que se van destinar 100.000 euros.
A actuación, financiada con cargo ao POS da Deputación da Coruña, abrangue un tramo de 2,7 quilómetros, dende o cruce de Chorente ao cruce de Neiro, na parroquia de Busto. O prazo de execución das obras é de dous meses.
Rafael Peña aproveitou a rolda de prensa para anunciar que a Xunta de Goberno ten previsto adxudicar mañá as obras de renovación do firme do núcleo de Pereiras, na parroquia da Gracia. A actuación custará 80.000 euros. Tamén se adxudicará mañá o proxecto de renovación de sinaléctica da zona rural, vinculado aos Orzamentos Participativos e orzada noutros 80.000 euros.