O Concello organiza o espectáculo “A porta aberta do Castelo de Moeche” con colaboración da Deputación da Coruña
Como sería a vida no castelo de Moeche aló polos séculos XIV e XV?. A fortaleza mantense case igual que na época do seu esplendor -e tamén a máis convulsa-, pero pouco podemos imaxinar do xeito de vida de quen moraron nela… das maquinacións e sucesos que ocorreron entre os seus muros. O castelo pervive e as pedras testemuñan sen falar a apresurada fuxida do seu señor, Nuno Freire de Andrade “O Mao”, acosado pola Irmandade Fusquenlla de Roi Xordo. Do séquito do Andrade só quedan dous cómicos que non puideron marchar con el e que agora fan de anfitrións para o pobo nun castelo completamente baleiro. Esta é, en esencia, a sinopse de “A porta aberta do Castelo de Moeche”, unha visita teatralizada polo recinto da man da compañía Os Quinquilláns que se desenvolverá todos os venres dos meses de xullo e agosto a partir das 21.00h. As entradas teñen un prezo de 3€ e haberá que reservalas previamente chamando ao 981 404 006 ext.2. A rapazada menor de 16 anos, as persoas maiores de 65 e as posuidoras do Carné Xove só pagarán 1,50€.
O Castelo de Moeche acaba de ser abandonado por nobres, cabaleiros e servidume ante o inminente ataque irmandiño encabezado por Roi Xordo. Corre o ano 1431 e trala fuxida do terceiro señor de Andrade só fican na fortaleza dous comediantes que non foron admitidos nunha comitiva que se refuxiará primeiro en Betanzos e logo en Santiago ao abeiro do arcebispo López de Mendoza.
Abandonados á súa sorte, os cómicos convértense sen querelo en únicos moradores do castelo e en anfitrións da xente do pobo que queira descubrir os seus segredos. Na ruta teatralizada polas princiais estancias da fortaleza, Os Quinquilláns contarannos historias reais alí acontecidas e outras fantásticas alí imaxinadas. Historias de nobres e vasalos, de loitas, de misterios e episodios do pasado… unha aventura, en definitiva, que nos traslada directamente ao século XV.
Formar parte desta experiencia interactiva a medio camiño entre o humor e a recreación histórica é ben doado. O Concello programou as visitas teatralizadas para todos os venres deste verán comprendidos entre o 6 de xullo e o 31 de agosto, ambos incluídos. A viaxe ao pasado comezará ás 21.00h. no acceso principal do castelo. Cada venres só haberá un pase e o aforo está limitado a entre 30 e 40 persoas. Por iso é importante reservar praza chamando ao 981 404 006 ext.2. e recoller as entradas no propio castelo ata media hora antes do comezo do espectáculo.
A entrada ten un prezo xeral de 3€, aínda que se marcou unha bonificación do 50% para nenas e nenos menores de 16 anos e para persoas maiores de 65. Tamén desfrutará deste desconto quen posúa un Carné Xove en vigor.
As visitas guiadas polos Quinquilláns forman parte da programación cultural e turística do Concello de Moeche de cara ao verán. A iniciativa teatral conta con apoio da Deputación da Coruña a través da Rede Cultural que, ao longo deste 2018, permitirá traer ao municipio 17 propostas de música, artes escénicas e cine organizadas polo Concello e distintas entidades veciñais.