Friday 22 de November de 2024

A Xunta garantirá a inclusión de canalizacións para telecomunicacións en todos os proxectos de estradas autonómicas


Apunta que, unha vez executada a obra, os operadores poderán utilizar estas canalizacións a cambio do pagamento dunha taxa polo uso do dominio público

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que a Xunta garantirá a inclusión de canalizacións para telecomunicacións en todos os proxectos de estradas autonómicas. Deste xeito, referiuse á aprobación hoxe, no Consello, do decreto que desenvolve a Lei de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia (aprobada o pasado ano).

Feijóo subliñou que o texto aprobado vai permitir impulsar o desenvolvemento das redes públicas de telecomunicacións en todo o territorio reducindo notablemente os custos asociados á obra civil, que supoñen ata un 80% do importe total dos despregamentos. Segundo explicou, trátase de expandir as redes de telecomunicacións aproveitando os proxectos de construción de novas estradas autonómicas, aforrando polo tanto en tempo e en investimento. “Imos gañar tempo e imos gastar menos”, aseverou ao respecto.

Así, asegurou que antes de iniciarse a obra coordinarase cos operadores de telecomunicacións para que manifesten cales son as súas necesidades e que reserva de canalizacións solicitan nos diferentes tramos da estrada proxectada. Unha vez executada a obra, Feijóo precisou que os operadores poderán facer uso destas canalizacións a cambio do pagamento dunha taxa polo uso do dominio público.

De igual xeito, e aínda que non houbese demanda, cómpre salientar que o decreto establece un mínimo de condutos que a Administración debe instalar, para poder atender as necesidades que poidan xurdir no futuro e co obxectivo de actuar con previsión e planificación para lograr sinerxías, evitar duplicidades e ofrecer un mellor servizo aos cidadáns.

O presidente da Xunta lembrou que esta normativa permitirá proseguir coa extensión da banda larga no territorio galego, mellorando a calidade de acceso a internet. De feito, desde 2010 o Goberno galego vén realizando un importante esforzo no despregamento de redes de telecomunicación: cun 97% dos galegos con cobertura de internet a día de hoxe, fronte ao 71% de hai cinco anos; e cun Plan de banda larga que contou cun investimento de 221 millóns de euros nos últimos anos.