O orzamento da iniciativa foi de 280.000 euros aos que hai que sumar as aportacións dos 2 concellos
Un total de 20 alumnos e alumnas formáronse nos últimos nove meses nos sectores actividades auxiliares en conservación e mellora dos montes e en traballos de carpintería e moble, grazas a un obradoiro de emprego que contou cunha achega da Consellería de Economía, Emprego e Industria de 280.000 euros.
Ovidio Rodeiro foi o encargado de clausurar este taller “Emprego IV”, promovido polos concellos de A Laracha e Arteixo. Ao acto acudiron o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e os respectivos alcaldes, José Manuel López Varela e Carlos Calvelo
O obradoiro contou cunha achega da Xunta de 280.000 euros en colaboración cos concellos. Os alumnos comezaron a formación no mes de setembro e concluíron en xuño, tras nove meses de formación teórica e práctica.
O delegado territorial comezou por felicitar aos participantes: “porque tivestes a oportunidade de traballar nove meses meses para mellorar as vosas capacidades profesionais, a vosa empregabilidade, en definitiva, o voso futuro”. Tamén tivo unha mención especial para os dous alcaldes “porque conseguides levar a cabo este proxecto, unha formación de calidade para o emprego que non sería posible sen a colaboración entre as administracións públicas. Todos temos moi claro que ninguén coñece mellor que os concellos as demandas e necesidades dos cidadáns e cidadás”.
Obradoiros
A provincia da Coruña conta no curso 2017-2018 cun total de 24 obradoiros de emprego, 16 deles de carácter xeral, onde participan alumnos e alumnas de calquera idade e oito de Garantía Xuvenil, para mozos e mozas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas invístense en políticas activas de emprego máis de 5,4 millóns de euros na provincia e participan un total de 440 persoas desempregadas.
Os obradoiros xerais, cada un con 20 prazas, teñen lugar en Oza-Cesuras compartido con Coirós; Ribeira compartido con Porto do Son; Abegondo compartido con Bergondo, Betanzos, Carral, Coirós, Oza-Cesuras e Paderne; Ferrol; A Laracha compartido con Arteixo; Monfero compartido con Aranga, Irixoa e Vilarmaior; Boqueixón compartido con Vedra; Santa Comba compartido con Mazaricos e Dumbría; Betanzos compartido con Abegondo, Carral, Coirós e Paderne; Padrón compartido con Rois e Dodro; As Pontes; Mugardos compartido con Ares, Fene, Cabanas e Neda; Cambre compartido con Sada; Miño compartido con Paderne e Pontedeume; Touro compartido con O Pino; e Ordes compartido con Frades.
Pola súa banda, os obradoiros do Sistema de Garantía Xuvenil, que contan cada un con 15 alumnos-traballadores, realízanse en Carballo; Fene compartido con Ares, Neda, Mugardos e Cabanas; Santiago; Muros compartido con Carnota; Oleiros; A Coruña; e Boiro, ademais do de Ames compartido con Brión.
Obradoiros comarca
Na comarca de Bergantiños desenvolvéronse dous obradoiros de carácter xeral. O Concello da Laracha impartiu, xunto con Arteixo, as especialidades de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, e traballos de carpintería e moble. Pola súa banda o Sistema de Garantía Xuvenil promoveu un obradoiro das especialidades de revalorización de espazos urbanos, e traballos de carpintería e moble, organizado polo Concello de Carballo, con 12 alumnos-traballadores, e que dispuso dun orzamento de 140.000 euros. En total, na comarca investíronse 420.000 euros en políticas activas de emprego destinadas a estes talleres. A duración dos obradoiros xerais ampliouse de seis a nove meses.
Os obradoiros céntranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios recibirán formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos.
Impulso ao emprego estable
Os obradoiros forman parte da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o emprego estable e de calidade e coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de polo menos 80.000 novos empregos e a creación ou conversión de 50.000 contratos en indefinidos.
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, destacou o “compromiso claro da Xunta para traballar na creación de postos de traballo de calidade, estables e coa mirada posta no futuro”. Rodeiro fixo fincapé no “obxectivo claro de dar formación a persoas desempregadas de cara a que logren reincorporarse ao mercado laboral. Non podemos esquecer ademais”, engadiu, “que grazas a estes obradoiros centos de persoas obterán un posto de traballo, uns formándose e outros formando”, en relación aos directores, ao persoal docente e administrativo. O delegado tamén quixo valorar que os participantes recibiron un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.
Ovidio Rodeiro admitiu que este tipo de actos “supoñen unha especial satisfacción para a Xunta, sempre comprometida na busca de oportunidades para a xuventude”. “Tendes agora a oportunidade de demostrar que soubestes aproveitar esta oportunidade”, sinalou, antes de pedirlles aos 20 alumnos que non se desanimen “na profesión de buscar un emprego”. Rematou agradecendo ao persoal docente “o esforzo por tratar de transmitir, xa non so os coñecementos, como o espírito de loita e emprendemento que vai a levar a estes rapaces a encarrilar o seu futuro profesional”.
Obradoiros duais
A partir do mes de setembro iniciarase unha nova edición deste programa. Na convocatoria 2018/2019 activaranse os novos obradoiros duais de emprego cos que a Xunta prevé incrementar as oportunidades laborais de máis de 2.350 persoas desempregadas. A Administración autonómica destinará en total 29,6M€.
O obxectivo é poñer en marcha en global 100 programas, que combinarán un contrato de formación e aprendizaxe durante 9 meses e a contratación en prácticas de, como mínimo, tres meses máis nunha empresa emprazada no ámbito territorial onde teña lugar o obradoiro, e sempre que o traballo estea vinculado coas materias que se impartan no programa. O obxectivo é favorecer a empregabilidade de 2000 desempregados galegos, tendo prioridade os obradoiros vinculados o eido forestal e ao Camiño de Santiago.
Ata o de agora, os obradoiros de emprego ofrecían ás persoas sen traballo cualificación e un contrato de aprendizaxe durante 9 meses. Agora, ademais, a Xunta apoiará a contratación, como mínimo de 3 meses e a xornada completa, nunha empresa, onde os alumnos e alumnas do obradoiro poderán realizar as súas prácticas. A actuación da Consellería de Economía, Emprego e Industria combina, polo tanto, a formación co desenvolvemento dun traballo efectivo, xa que as persoas beneficiarias disporán dun contrato de traballo e percibirán un salario durante a súa participación nesta actividade.