O PSOE de Ordes instará ao Concello de Ordes a dotar de maior vixilancia e coidado a área recreativa fluvial do Río Mercurín Ramiro Recouso para impedir comportamentos incívicos que se veñen producindo de xeito periódico nos últimos tempos. Unha iniciativa que os socialistas ordenses presentarán na próxima sesión plenaria xa que “o Concello non pode permitir o mal uso que algunhas persoas fan desta área verde, xa que estamos diante dun dos espazos máis prezados pola veciñanza”, apunta Alejandro Manteiga, voceiro municipal do PSdeG-PSOE de Ordes.
“Estamos falando da principal zona verde da Vila de Ordes e dunha das obras emblemáticas que se conseguiu no mandato 2007/2011, cando a Concellería de Medio Ambiente estaba baixo a dirección dos socialistas de Ordes”, lembra Alejandro Manteiga.