Friday 22 de November de 2024

O Concello de Frades entrega 3.610 euros axudas para transporte e para material escolar a 47 alumnos e alumnas do municipio


O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, vén de entregar as axudas para transporte escolar e para a compra de material escolar para o curso académico 2017-2018, que están dirixidas ás familias máis necesitadas do municipio. O Concello de Frades destinará 3.610 euros a estas axudas, que beneficiarán a un total de 47 alumnos e alumnas do municipio, seis máis que o ano pasado.

Rey Martínez explica que “con estas bolsas queremos axudar ás familias con maiores dificultades económicas, de forma que teñan unha bolsa para que os seus fillos e fillas poidan cursar os seus estudos”. Neste sentido, insistiu en que o investimento en formación e en apoiar ás familias máis desfavorecidas son dúas das prioridades do Goberno de Frades.

A subvención para transporte escolar, dirixida a alumnos e alumnas de Bacharelato ou de Formación Profesional (Grado Medio), ten unha contía de 150 euros; mentres que as axudas para a compra de material escolar, dirixidas a alumnos e alumnas de Primaria e Secundaria, ascenden a 70 euros por alumno/a e curso.