Friday 22 de November de 2024

Os turistas internacionais gastaron en Galicia no mes de outubro máis de 104 millóns de euros, un 22,6% máis que no 2013


No que vai de ano, o gasto dos turistas internacionais superou os 799 millóns de euros, o que supón un 20% máis que no mesmo período do ano 2013

O gasto dos turistas internacionais superou en Galicia os 104 millóns de euros no mes de outubro, o que supón un aumento do 22,6% con respecto ao mesmo mes de 2013, segundo as cifras proporcionadas hoxe pola enquisa de gasto turístico Egatur elaborada polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.

Nos dez primeiros meses do ano, os turistas internacionais gastaron na nosa comunidade 799.661.792 euros, o que supón un 20% máis que no mesmo período do ano 2013. Segundo estes datos, o gasto total do turismo internacional en Galicia experimentou un crecemento continuado dende o mes de maio, manténdose, por tanto, unha tendencia positiva neste 2014.

O gasto medio por turista, nos dez primeiros meses do ano, foi de 868,59 euros. Mentres que no mes de outubro a cifra ascende a 971,28 euros, un 8,1% mais que no mesmo mes do ano 2013.

Francia, Portugal e Reino Unido son, por esta orde, os países que xeraron un maior gasto total en Galicia nestes primeiros dez meses de 2014, supoñendo o 18%, 13% e 12% do total, respectivamente. En termos de variación, os países que presentan un crecemento máis intenso do gasto en Galicia son, por esta orde, Bélxica, os países nórdicos e Italia –con incrementos similares ou superiores ao 90% en relación ao pasado ano-.

A nivel nacional, o gasto dos turistas internacionais alcanzou os 56.374 millóns de euros nos dez primeiros meses do ano, o que supón un aumento do 7% con respecto ao mesmo período de 2013. O gasto medio diario mantívose nos 109 euros, nestes primeiros dez meses do ano.

No mes de outubro, os turistas internacionais gastaron 5.733 millóns de euros, o que supón un incremento do 4,6% co respecto ao mesmo mes do ano anterior, cun gasto medio por turista de 973 euros e un gasto diario de 116 euros.

O gasto total realizado en Galicia supuxo en outubro o 1,8% do total realizado no conxunto de España, e o 1,4% nos dez primeiros meses.