A Deputación saca tamén a licitación a mellora da estrada Noia-Boiro por 360.000 euros
O Concello de Lousame celebra o anuncio da Deputación da Coruña, que vén de sacar a licitación por case 490.000 euros dous importantes proxectos para a mellora da seguridade viaria no municipio. Dous proxectos que se executarán ao longo do 2015 e para os que o prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o 22 de decembro.
O primeiro dos proxectos contempla un investimento de 128.956,49 euros no acondicionamento e prolongación da senda peonil entre as localidades de O Sanguiñal e Carantoña (Lousame) na DP-1104, Ponte Beluso-Ponte de San Francisco. Unha actuación que permitirá mellorar a seguridade viaria dos veciños e veciñas da parroquia de Tállara e que ten un prazo de execución de 4 meses.
As obras permitirán ampliar en cen metros a actual senda peonil, concretamente entre os núcleos de O Sanguiñal e Carantoña (puntos quilométricos 8,260 e 8,360 da DP-1104), que na actualidade só consta dunha beiravía de reducidas dimensións, o que supón un risco tanto para peóns como para vehículos. Así mesmo, os traballos permitirán acondicionar a senda xa existente, que se atopa cun pavimento irregular e moi deteriorado.
Características das obras
A nova senda peonil xa non estará a nivel da estrada, senón sobreelevada e cun ancho medio de dous metros. Estará construída sobre zahorra e afirmado mediante unha mestura asfáltica en quente de 5 centímetros de espesor. En canto ao tramo onde xa hai senda peonil, mellorarase o seu estado cunha capa de 15 centímetros de zahorra para posteriormente afirmala tamén cunha mestura asfáltica en quente de 5 centímetros de espesor.
Está prevista a colocación de bordillo tanto na senda actual como na nova, cunha separación dun metro do borde da calzada. Para conseguilo será preciso demoler parte da beiravía existente. As obras contemplan tamén a demolición e reconstrución dun peche existente para poder construír un muro de escollera, cunha varanda metálica peonil, debido ao desnivel existente na zona.
Os traballos tamén contemplan a construción dunha rede de tubería de PVC de 315 mm baixo a senda para a recollida das augas pluviais, con sumidoiros e pozos de rexistro a cada 25 metros. No proxecto de obra tamén se contempla o traslado dos postes existentes e a reposición da correspondente sinalización horizontal e vertical.
Melloras na DP-1105
Así mesmo, o Concello de Lousame celebra o anuncio da mellora da capa de rodadura de 15,7 quilómetros da estrada DP-1105, Noia a Boiro. O orzamento é de 360.032,46 euros e o prazo de execución é de 4 meses. Recentemente, esta estrada xa fora obxecto dun parcheo con mestura asfáltica para tratar de solventar o deterioro do firme; sen embargo agora será tratada cun microaglomerado en frío a todo o ancho da calzada. Deste xeito, as novas actuacións sellarán e evitarán o parcheo xa realizado e dotarán de maior resistencia á estrada provincial.
Previamente ao asfaltado deberán desbrozarse e limparse de malezas ambas marxes da estrada. Finalmente, reporanse as marcas viarias na estrada e limparanse as sinais vertical aló instaladas.