Friday 22 de November de 2024

O Concello de Noia convoca o proceso de selección por procedemento de oposición libre para cubrir tres prazas de Policía Local


O Concello rematou tamén a semana pasada o proceso selectivo para a contratación de catro auxiliares de Policía Local

O Boletín Oficial da Provincia de  martes publica a convocatoria e as bases reguladoras do proceso de selección por procedemento de oposición libre para a cobertura en propiedade de 3 prazas vacantes de Policía Local en Noia, pertencentes ao Grupo C, subgrupo C1. Deste xeito cómprese o compromiso anunciado no pleno do pasado mes de marzo polo alcalde noiés, Santiago Freire, de “dar cumprimento ao acordo plenario e que as prazas se cubran da forma máis inmediata posible”.

O prazo para presentar as solicitudes será de 20 días naturais, contados a partir de mañá mércores. Para poder participar é preciso ter cumpridos os 18 anos, ter unha estatura mínima de 1,65 metros (homes) e 1,60 metros (mulleres), estar en posesión da titulación esixible para o acceso como funcionario do grupo C1 (Bacharelato ou FP), ter a nacionalidade española, ser titular dos permisos de conducir A2 e B e non ter sido condenado/a por delito doloso nin estar inhabilitado/a para o exercicio das funcións públicas.

Xunto coa instancia solicitando participar no proceso, a persoa interesada deberá achegar DNI (pasaporte ou documento equivalente), título de bacharelato ou de técnico de formación profesional, certificación de aptitude do Celga4, permisos de conducir A2 e B, certificado médico de reunir as condicións físicas e sanitarias para a realización das probas físicas e declaracións responsables de non ter sido condenado/a por delito doloso nin estar en situación de inhabilitación para empregos ou cargos públicos. A documentación deberá presentarse na Oficina de Rexistro do Concello de Noia ou nas oficinas de Correos, nas representacións diplomáticas ou oficinas consulares de España no estranxeiro ou a través da sede electrónica do Concello de Noia.

Proceso de selección

As probas da oposición deste proceso selectivo serán cinco: avaliación dos coñecementos das persoas aspirantes sobre os contidos do temario correspondente, proba de avaliación do coñecemento da lingua galega (para os que non teñan o Celga 4), aptitudes físicas, probas psicotécnicas e recoñecemento médico. Todas as probas teñen carácter eliminatorio, no caso de non ser superadas.

Unha vez seleccionadas as tres persoas, o Concello de Noia comunicará á Academia Galega de Seguridade Pública a relación do alumnado que debe incorporarse ao curso selectivo e solicitará a reserva das prazas correspondentes. A superación deste curso é obrigatorio para acceder á condición de persoal funcionario de carreira. Unha vez superado o curso selectivo e o período de prácticas, a Academia Galega de Seguridade Pública emitirá un informe ao Concello de Noia para proceder ao seu nomeamento e toma de posesión. Estas tres prazas únense aos catro auxiliares de Policía Local do Concello de Noia seleccionados a semana pasada despois do proceso selectivo convocado.