Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño adxudica en 37.490 euros as obras da nova condución de auga a Vilafiúnce


A infraestrutura tamén mellorará a subministración na zona de Cornide

Este luns publicouse no Perfil de Contratante do Concello a resolución do procedemento convocado para contratar as obras dunha nova canalización de auga potable entre a estación de tratamento da Agra de Arriba e o lugar de Vilafiúnce. O obxectivo do proxecto é ampliar a rede municipal a este lugar de San Sadurniño, pero tamén reforzar o abastecemento a Cornide e preparar a trama de tubaxes para que non faga falla cortar toda a subministración da zona urbana no caso de que haxa que reparar algunha avaría. Dos traballos vaise encargar a empresa Excavaciones y Transportes Saavedra y López S.L., logo de achegar unha oferta económica de 37.490€. O prazo de execución dos mesmos estímase en 3 meses.

A obra finánciase con cargo a unha asignación de 34.280 euros procedentes da liña non competitiva do denominado Fondo de Compensación Ambiental xestionado pola Xunta de Galicia. Este fondo nútrese dos cartos que pagan as empresas eólicas por cada muíño de vento e polas liñas de evacuación da enerxía que teñan instaladas no territorio. Os cartos do fondo ambiental distribúense despois entre os municipios de dúas maneiras. A primeira é unha liña de subvencións non competitiva, na que se asigna unha contía fixa tomando como criterio principal o número de andaravías que hai en cada concello, mentres que na outra -a liña competitiva- o reparto se fai en base aos proxectos concretos que presenten os municipios. En calquera dos dous casos a finalidade das actuacións debe estar relacionada co ambiente, coa sostenibilidade ou o mellor aproveitamento dos recursos.

San Sadurniño xustificará a liña non competitiva co proxecto da nova canalización de auga entre a ETAP da Agra de Arriba e Vilafiúnce. O novo ramal de abastecemento busca, en primeiro lugar, dotar dun maior caudal e presión a zona pola que discorrerá, xa que se prevé instalar unha condución de 90 mm. de diámetro acompañada dun entramado de tubaxes conectados a el que, ademais, permitirá sectorizar a zona da Agra, do Campo da Feira e de Vilafiúnce no caso de que haxa algunha avaría. Así, se houbese unha rotura ou se precisarse algunha reparación, non será necesario cortar a auga en toda a rede, senón só nas proximidades da parte afectada.

A infraestrutura soterrada cubrirá algo máis de 1.200 metros de distancia. Baixará desde os depósitos da potabilizadora da Agra de Arriba ata cruzar a estrada provincial que vai a Santa Mariña do Monte e, desde ese punto, continuará pola Agra de Abaixo en paralelo á pista ata chegar a Vilafiúnce, que ata agora se abastecía da condución que vén pola beira da estrada de Pedroso. Visto desde arriba, o que se fai é pechar un círculo coas tubaxes da subministración de auga municipal, coa finalidade de continuar ampliando a rede e de facela máis eficiente.

Por outra banda, a conexión en Vilafiúnce da nova infraestrutura hidráulica co cabo da rede actual servirá tamén para dotar de maior capacidade de subministración a Cornide, algo que notarán para ben as vivendas máis elevadas do lugar.

O procedemento de contratación das obras iniciouse a finais do mes de maio e este mesmo luns publicouse a adxudicación, que recaeu na empresa Excavaciones y Transportes Saavedra y López S.L.. A súa oferta foi de 37.490 € ive incluído -o proxecto estaba orzamentado en 37.861,72 €- e, de acordo co especificado na resolución, as obras deberán executarse nun tempo máximo de 3 meses.