A maior parte das obras terán como obxectivo a mellora viaria dos parques empresariais e a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia
A Xunta investirá 452.000 euros para mellorar os parques empresariais das comarcas de Carballo-Costa da Morte en 5 concellos da área (Cerceda, A Laracha, Ponteceso, Vimianzo e Zas). A maioría dos proxectos van orientados a mellorar as infraestruturas viarias dos polígonos e para a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia, aínda que tamén para plantas de depuración de auga, xestión de residuos ou instalacións contraincendios. En total, na provincia da Coruña investiranse 2,2 millóns para financiar 29 proxectos en 25 concellos, dos que 6 son emprendedores.
Os investimentos que se realizarán son a mellora da sinalización e a instalación do sistema de videovixilancia no polígono industrial do Acevedo en Cerceda, a mellora das infraestruturas viarias no parque empresarial da Laracha, a renovación de pluviais no polígono industrial de Ponteceso, a cuberta e almacén para apoio da instalación do Punto Limpo de Vimianzo e a mellora da xestión de residuos no polígono industrial do Allo.
Con respecto á orde de axudas destinada a parques empresariais, aprobáronse un total de 76 proxectos. Desenvolveranse en 62 concellos galegos –dos que 20 son Concellos Emprendedores, é dicir, aqueles adheridos ao convenio entre Xunta e Fegamp para impulsar a captación de novos investimentos empresariais– cun investimento de 5,7 millóns de euros e unha mobilización de 7,45 millóns. Concretamente na comarca de Carballo-Costa da Morte, A Laracha é un Concello Emprendedor.
Coa aprobación destes proxectos, esta orde terá permitido, desde 2009, realizar 502 proxectos en 149 parques industriais de 122 concellos galegos cun investimento de 35 millóns de euros.
Con estas novas axudas, nas que este ano os Concellos Emprendedores tiveron preferencia, a Xunta segue mantendo o seu compromiso cos gobernos locais e o desenvolvemento das súas infraestruturas, co fortalecemento do tecido empresarial e industrial da Comunidade e co apoio ao emprendemento, liñas que encaixan coas medidas promovidas pola Lei de implantación empresarial para favorecer a captación de novos investimentos para Galicia.
CARBALLO- COSTA DA MORTE | ||
CONCELLO | TÍTULO | AXUDA CONCEDIDA |
CERCEDA | MELLORA NA SINALIZACIÓN DO POLÍGONO INDUSTRIAL DO ACEVEDO | 119.920,00 € |
CERCEDA | INSTALACIÓN DE SISTEMA DE VIDEOVIXILANCIA NO POLÍGONO INDUSTRIAL DO ACEVEDO | 79.911,57 € |
LARACHA, A | MELLORA DAS INFRAESTRUTURAS VIARIAS DO PARQUE EMPRESARIAL DA LARACHA | 95.678,99 € |
PONTECESO | RENOVACIÓN DA REDE DE PLUVIAIS NO POLÍGONO INDUSTRIAL DE TELLA | 48.399,99 € |
VIMIANZO | CUBERTA E ALMACÉN PARA APOIO DA INSTALACIÓN DE PUNTO LIMPO EN VIMIANZO | 91.185,98 € |
ZAS | MELLORA DA XESTIÓN DE RESIDUOS NO POLÍGONO INDUSTRIAL DO ALLO | 17.313,36 € |
TOTAL | 452.409,89 €
|