O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña participou na presentación desta Festa de Interese Turístico de Galicia que se celebra en Muros en xullo
O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, participou esta mañá no acto de presentación do XXXI Gran Premio de Carrilanas de Esteiro 2018. Na rolda de prensa estivo acompañado pola vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartin; a alcaldesa de Muros, María Xosé Alonso; a alcaldesa en funcións do concello de Santiago de Compostela, María Rozas; o presidente de ADC Esteirana de Carrilanas, David Fernández, e pola representante de Herdeiros da Cruz, Patricia Hermida.
Na súa intervención o delegado territorial lembrou “que esta proba naceu como unha brincadeira entre amigos en Muros, xa hai máis de 30 anos e nas derradeiras edicións máis de 20.000 persoas gozaron desta festa, declarada de Interese Turístico de Galicia, que se celebra no mes de xullo, o que pon en evidencia a súa relevancia”.
Para Ovidio Rodeiro este evento, que conta co apoio económico da Xunta de Galicia a través das liñas de axudas de Turismo de Galicia, converteuse nunha festa dun pobo enteiro –o de Esteiro– que se volta co descenso de carrilanas”. “Forma parte –continuou- da identidade dun concello e dunha comarca e do programa de festas de moitos visitantes que veñen a coñecer e gozar desta fermosa terra”. En definitiva, recalcou que “o Gran Premio de Carrilanas de Esteiro promove a nosa cultura popular, xera riqueza a través do turismo e, ademais, moita diversión”.
Estratexia do turismo de Galicia 2020
O delegado territorial lembrou que a Estratexia do turismo de Galicia 2020, que conta cun investimento de máis de 239 millóns de euros, aposta claramente por fomentar o emprendemento e a necesidade de colaboración estreita entre todas as administracións públicas e as asociacións e organizacións culturais, deportivas, sociais e económicas.
Amais, dedica unha das súas 11 liñas a potenciar os valores que singularizan a Comunidade a través dunha actividade que os protexa e impulse permitindo aos turistas integrarse coa cultura, tradición e enogastronomía.