Friday 22 de November de 2024

Mato Otero subliña o compromiso de Galicia coas enerxías renovables como estratexia na loita contra o cambio climático


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio asistiu á presentación de AGERAR, un proxecto europeo no que participan España e Portugal co fin de promover a eficiencia enerxética no sector residencial e comercial
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato Otero, defendeu hoxe o compromiso de Galicia e da Xunta polas enerxías renovables dentro da súa aposta firme pola sustentabilidade no marco da loita contra o cambio climático. Así o manifestou esta mañá Mato Otero, no transcurso dun acto para da a coñecer a iniciativa AGERAR, un proxecto europeo de referencia para a xestión de enerxías renovables no sector residencial e comercial no que colaboran diversas institucións de España e Portugal, entre elas, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG).

Tras subliñar que Galicia é a segunda comunidade española con máis potencia renovable instalada, a conselleira de Medio Ambiente avanzou que esta aposta manterase tamén a medio prazo. Así, lembrou que a previsión do Goberno galego é que de aquí a 2020 se instalen máis de 1.200 megavatios adicionais procedentes de enerxías limpas.

Iniciativas como a de AGERAR, segundo resaltou Beatriz Mato, resultan claves para acadar o obxectivo común de xestionar o consumo enerxético da forma máis eficaz posible e desde todos os puntos de vista. Neste sentido, lembrou que o proxecto presentado hoxe e cuxos resultados estarán listos en outono de 2019, busca solucións tecnolóxicas que faciliten que a sociedade siga crecendo “desde unha perspectiva hipocarbónica e reversible fronte aos efectos do cambio climático”.

Ferramentas para cambiar de modelo
A conselleira de Medio Ambiente enmarcou este tipo de iniciativas na aposta decidida da Unión Europea pola economía circular e cuxas directrices, tal e como subliñou, “Galicia asumiu como propias”. “O futuro pasa por converter os residuos en recursos”, declarou Mato Otero, quen cuantificou o aforro que suporía para a comunidade a implantación do modelo de economía circular en 2.000 millóns de euros no horizonte do ano 2030.

Así, lembrou que este compromiso cun cambio no modelo económico lineal vixente cara a outro máis sustentable reflíctese nos traballos impulsados pola Xunta nos últimos meses co fin de dotar a Galicia das ferramentas axeitadas para marcar a folla de ruta de cara a un consumo responsable, enerxeticamente eficiente e climaticamente neutro.

Neste sentido, Mato Otero referiuse á Estratexia Galega de Economía Circular 2018-2030, actualmente en redacción da man das tres universidades e que estará rematada a finais deste ano, e á futura Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, en cuxas bases leva un ano traballando a través de seis mesas sectoriais co fin de definir as grandes liñas de acción do Goberno galego a medio e longo prazo.