O programa contou asemade coa participación dos concellos de Camariñas, Cee, Dumbría, Fisterra, Corcubión, Muxía, os patrocinadores Prodemar, Stolt Sea Farm, Cerdeimar e Conservas Boya, os clubs CN Camariñas, CM Carrumeiro e CN Fisterra, a Federación Galega de Vela e a Secretaría Xeral para o Deporte, a través do Programa Xogade
A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, clausurou o programa ‘O Mar Na Escola 2018. Xogando co Vento’ da Escola de Vento Cataventos no que participaron 400 nenos e nenas de 15 centros educativos, superando as cifras de 2017. O programa contou asemade coa participación dos concellos de Camariñas, Cee, Dumbría, Fisterra, Corcubión, Muxía, os patrocinadores Prodemar, Stolt Sea Farm, Cerdeimar e Conservas Boya, os clubs CN Camariñas, CM Carrumeiro e CN Fisterra, a Federación Galega de Vela e a Secretaría Xeral para o Deporte, a través do Programa Xogade.
Tras subliñar a importancia do vento en “todos os deportes náuticos e especialmente para a vela, xa que é a enxeñería natural que move á embarcación”, a secretaria xeral destacou o Programa Xogade como “o nexo con todos eses rapaces e rapazas de Galicia que queremos que se acheguen ao deporte para acadar, cada vez máis, un maior número de nenos e nenas que realicen actividade física desde as idades máis temperás afastando así as posibles enfermidades provocadas pola inactividade e o sedentarismo”.
Asemade, a titular do Deporte valorou a iniciativa cuxos resultados son “ano tras ano moi positivos xa que os grupos son máis numerosos e os mozos e mozas escolares agardan ansiosos chegar ao curso no que xa poderán participar neste programa”. “Os nenos e nenas que comparten esta travesía chegan aquí como compañeiros de clase e volven aos seus fogares como unha auténtica tripulación cunha morea de vivencias e aventuras compartidas”, concluíu.