Entregouse o último lote de libros que o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Mancomunidade de Ordes está a repartir polos colexios participantes no concurso ‘Rosalía verso a verso’. A responsable do Departamento de Dinamización Lingüística do CPI de Xanceda (Mesía) foi a encargada de recibir este agasallo cedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. A concelleira de Educación de Mesía, Pilar Sánchez Ulloa, non quixo perder a ocasión de compartir este momento con todos os nenos e nenas. Ademais de felicitalos pola súa videocreación desexoulles “un moi bo verán e unha vacacións cheas de diversión”, ademais de aconsellarlles que aproveitasen “o tempo libre para ler libros”.
Deste xeito danse por concluídos todos os actos correspondentes a esta iniciativa desenvolvida a través do Facebook do Concello de Ordes, mediante a que se quere promover o idioma galego, e a vida e obra da poeta máis popular da historia da literatura galega.