A Concellaría de Acción Cultural vén de asinar cadanseu convenio de colaboración coas asociacións Cidade Vella e Tempo con Xeito co obxectivo de impulsar a celebración de actividades culturais nos establecementos de hostalería da cidade, entre elas os concertos de música ao vivo. A concelleira Branca Novoneyra deu conta hoxe deses acordos, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada por Manuel Rodríguez, de Cidade Vella, e Laura Rey, da asociación Tempo con Xeito.
Branca Novoneyra xustificou a sinatura destes convenios no feito de que “os establecementos de hostalería son en Santiago espazos para a divulgación artística e constitúen unha plataforma cultural de grande importancia para a cidade”. Ademais, mostrouse convencida de que “o apoio á actividade empresarial, nomeadamente turística, xera beneficios ao conxunto da cidade en termos económicos e de creación de emprego”. A concelleira de Acción Cultural lembrou que o Concello mantivo nos últimos anos convenios trimestrais coas asociacións Cidade Vella e Tempo con Xeito, que “se enmarcaban nun marco xurídico que era transitorio, a Lei de Emprendemento, e que muda agora coa entrada en vigor da nova Lei de Espectáculos Públicos de Galicia, o 2 de xullo”.
Indefinición xurídica
Tal e como se sinala no texto dos convenios, “a Lei de Espectáculos Públicos non ten un carácter exhaustivo, cínguese a establecer unha regulación xenérica dos aspectos substanciais, que posteriormente debe ser desenvolvida en normas concretas”. Ao respecto, Branca Novoneyra lembrou que “un dos eixos centrais desa normativa complementaria é o Catálogo de espectáculos públicos e de actividades recreativas e de lecer, que debe deseñar a Xunta de Galicia e para a que o Goberno local ten feito xa as súas achegas”. En concreto, o Concello aposta porque as actividades musicais en vivo sexan obxecto de especial consideración para facilitar o seu desenvolvemento como manifestación cultural, e con independencia do tipo concreto de establecemento do que se trate. A concelleira reiterou que “a única limitación para a celebración de actuacións de música ao vivo debera ser o respecto ás normativas en materia de seguridade e de protección contra a contaminación acústica”.
Con respecto á posibilidade de que os concellos tramiten autorizacións especiais ao abeiro da Lei de Espectáculos Públicos, Branca Novoneyra incidiu en que “a normativa autonómica refírese a autorizacións para actividades excepcionais, pero nós falamos de actividades que forman parte da vida cotiá da cidade”
Memoria de actividades
O convenio entre o Concello e as asociacións Cidade Vella e Tempo con Xeito sinala que o Concello “velará para que as actividades se desenvolvan cumprindo a normativa vixente”. Para iso, as actividades culturais nas que se empreguen equipos de amplificación de son non se estenderán mais alá da 1.00 horas nos venres e sábados, nin das 24.00 horas os demais días da semana. No caso das actividades que non empreguen amplificación, terán o mesmo horario permitido que o local.
Pola súa parte, as asociacións comprométense a evitar molestias á veciñanza, impulsando campañas de concienciación e evitando aglomeracións e ruídos na vía pública durante os eventos.
Os convenios inclúen cadanseu anexo de actividades, nos que figuran as propostas de accións das asociacións para o período de vixencia dos acordos, nos meses de xullo e agosto.
Capital cultural
Dende o a asociación Cidade Vella, Manuel Rodríguez reiterou que “imos seguir defendendo o xeito que temos de traballar en Santiago dende hai décadas, para promocionar a artistas que comezan ou que non atopan grandes oportunidades para mostrar o seu talento”. Nesa liña, reclamou que a lei autonómica “recolla a peculiaridade de cada cidade, porque Santiago como capital cultural ten características e problemáticas que non se dan noutros puntos de Galicia”.
Pola súa banda, Laura Rey, de Tempo con Xeito, asegurou que “os locais de hostalería do Ensanche non estamos recibindo ningunha denuncia nin queixas por problemas de convivencia. Nós mesmos somos veciños e veciñas da zona, e queremos durmir tranquilos”. Para ela, estes convenios “axudan a que a nosa cidade sexa grande, porque a actividade cultural é un atractivo máis de Compostela”.