O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta actuación xunto ao alcalde, José Manuel López Varela
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ultima as obras de restauración e acondicionamento do templo renacentista de Santa María do Socorro, na parroquia de Caión, no concello coruñés da A Laracha, que ten a consideración de ben catalogado segundo a Lei de Patrimonio de Galicia.
As obras de rehabilitación executáronse debido a que a igrexa estaba en mal estado de conservación debido aos problemas de humidades, tanto exteriores como interiores.
Esta edificación do século XVI tiña múltiples problemas de conservación, derivados case todos de humidades existentes, tanto procedentes dos ventos procedentes do mar, que cristalizaban sales solubles nos muros, como procedentes da condensación do interior pola deficiente ventilación.
Deste xeito, en novembro de 2017 comezaron unha serie de actuacións que buscaron solucionar estes problemas cunha inversión que alcanzou os 146.000 euros. Dunha parte, substituíronse todos os revocos exteriores, dispoñendo uns novos realizados a base de tres capas de cal aérea hidrófuga con aditivos secantes. Tamén se cambiou a carpintería exterior por outra de madeira de iroko, con vidros laminares separados entre si 4 centímetros, que permiten a ventilación permanente do interior do templo ao tempo que evitan a entrada da choiva.
Ademais, o proxecto tamén contemplou o saneamento perimetral soterrado dos muros exteriores, cunha gabia con grava branca, tubo de drenaxe e lámina de polietileno. Así mesmo, colocáronse canles e baixantes de zinc.
Esta igrexa formou parte do antigo Convento de San Agostiño, fundado por Fernando Bermúdez de Castro. É de planta rectangular na que se inscribe unha soa nave que tamén acolle o presbiterio. A cuberta está resolta a dúas augas con cubrición de tella do país e ten no noroeste unha espadana de conteiría de dous corpos de campás e no ángulo norte unha torre campanarios con zócalo alto e corpo de campás con catro vans de medio punto punto peraltados e impostados.