A actuación levarase a cabo simultaneamente a instalación dun sistema de control de acceso a vehículos por semáforos e lectores de matrículas
A xunta de goberno do Concello de Riveira acaba de proceder na reunión de hoxe á clasificación (antes chamada adxudicación provisional) das ofertas correspondentes a unha actuación consistente na reposición do pavimento nas rúas peonís de Galicia e Santa Uxía e na praza de Compostela.
Hai que lembrar que esta acción se vai levar a cabo de forma paralela á instalación dun sistema control de acceso a vehículos por medio de cámaras lectoras de matrículas e semáforos (iniciativa está última que se atopa en fase de presentación de ofertas) co ánimo de dar unha solución definitiva ás frecuentes roturas que se producen nos tramos peonís da cidade (sen ir máis lonxe, operarios estaban a reparar estes días, como medida provisional e pensando na campaña navideña, lousas en mal estado na rúa Galicia, moi preto da praza de Compostela).
Despois de Nadal
Polo que respecta a actuación abordada na xunta de hoxe, Sonense de Granitos S.L., resultou a empresa clasificada en primeiro lugar, cunha proposta de 134.827,25 euros, IVE incluído. O prazo de execución son catro meses e está previsto que a actuación principie unha vez pasada a época de Nadal.
Falando das actuacións que se emprenderán en cada unha das vías, cómpre dicir que a rúa de Galicia, no tramo que comprende entre a rúa Rosalía de Castro e o mercado, rexistra actualmente un alto nivel de deterioro, con lousas rotas ou mal colocadas. Este feito débese principalmente a que o tránsito de vehículos adoita estar incontrolado, posto que os bolardos automáticos que limitan o seu acceso están avariados continuamente, ao igual que acontece noutros puntos da cidade.
Lousa de granito por adoquín de granito
Co fin de subsanar esta situación, o proxecto redactado contempla para este tramo a substitución do pavimento do carril central (que é o máis deteriorado e que está formado por lousas de granito), polo máis resistente adoquín de granito recto, con dimensións de 20x10x8 centímetros. Será necesario demoler previamente o pavimento actual e o morteiro que suxeita as lousas. Ademais, o tramo será limpado con máquina de chorro de auga a presión.
En canto á rúa de Galicia, no tramo comprendido entre as prazas da Igrexa e Compostela (de construción máis recente que o antedito), acometeranse labores de reposición do pavimento consistentes en substituír ou recolocar de maneira adecuada as lousas de granito que estean rotas, deterioradas ou mal dispostas. Tamén serán cambiadas as pezas rotas ou mal colocadas que forman a rígola de pedra por onde circula o se procederá á limpeza da rúa con auga a presión.
De igual xeito, serán suplantadas por outras novas as lousas rotas ou mal colocadas de Santa Uxía e limpada toda a rúa, incluíndo as leitadas.
Por último, no que se refire á praza de Compostela, substituirase na súa integridade o actual pavimento formado por lousas de granito (moi deteriorado, con múltiples pezas rotas ou mal asentadas) por outro novo, con lousas de granito de dimensións 60x40x4 centímetros. Para tal fin, previamente se demolerá o pavimento e morteiro actual e se colocará unha nova base formada por formigón en masa, malla de aceiro e morteiro de cemento.