Friday 22 de November de 2024

O proxecto gandeiro da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña empeza a tomar forma en Santa Mariña


A CAP da Coruña é unha cooperativa de 2º grao que agrupa a outras 41 entidades da provincia. Ademais de ofrecer asesoramento a explotacións e de comercializar leite, a entidade tamén é responsable da marca Bico de Xeado, un dos produtos con maior proxección da nosa industria agroalimentaria. Tras adquirir os activos da antiga cooperativa Nosa Señora da Esperanza, a CAP está levando a cabo en Santa Mariña do Monte un ambicioso proxecto que lle permitirá ampliar a súa capacidade produtiva para atender a crecente demanda dos seus xeados, que xa se distribúen en toda Galicia e tamén noutros puntos do estado. Neste momento a parte máis visible da iniciativa son as obras de construción dunha nova explotación na leira de Barcia, que ocupará arredor de 5 hectáreas e terá capacidade para uns 400 animais en produción. A cooperativa agarda que entre en funcionamento a primeiros de 2019.

A vista de paxaro é como mellor se aprecia a envergadura do proxecto, onde estes días traballa maquinaria pesada preparando o terreo. Son 5 hectáreas onde se instalarán dúas modernas naves que sumarán 8.000 m² de superficie. Ademais tamén está previsto construír unha foxa cuberta para o tratamento axeitado de puríns -uns 6.250 m³- e tres silos forraxeiros cunha capacidade total de 8.400 m³.

Porén, mentres avanzan as obras no lugar de Barcia -preto da Golpilleira- a actividade prosegue nas antigas instalacións da Esperanza, adquiridas hai arredor de dous anos pola CAP. As naves tamén se están remodelando para acoller os animais de recría, todos eles da raza Jersey por ser os que dán un leite con mellores características para a súa posterior transformación. “Estes días mercamos 250 animais entre 4 e 15 meses. É unha raza orixinaria das illas Jersey, en Gran Bretaña, e escollémola polos sólidos que ten o leite, principalmente de graxa e proteína. Porque a idea que ten a cooperativa é transformar leite e facer algún produto a maiores dos xeados. Coa Jersey posiblemente comecemos a desnatar e a facer toda a nata que precisamos para os nosos xeados”, explica Juan Freire, un dos tres traballadores da gandeiría destacados pola CAP en Santa Mariña. “No caso destas vacas estamos falando de que producen un 60%-70% máis de graxa ca unha vaca frisona normal. E o da proteína tamén é importante porque está relacionado co extracto seco, que é o que marca o nivel de eficiencia á hora de transformar”.

E é que o proxecto de San Sadurniño -que conta cunha axuda pública de 800.000 euros- está intimamente vinculado coa experiencia Bico de Xeado iniciada hai sete anos pola CAP. Nun contexto de crise de prezos a cooperativa apostou pola transformación e a comercialización dun produto da máxima calidade e cun alto valor engadido elaborado na Granxa O Cancelo, en Miño. “Temos un sector leiteiro moi potente en Galicia, producimos o 40% do leite de España e temos o 50% das explotacións, pero o sector sempre adoeceu da falla de transformación. O que buscamos, ademais de producir, é transformar a maior parte do leite que saia das nosas vacas”, comenta Freire.

A idea da elaboración de xeados gourmet para o grande público foi todo un éxito. En 2017 duplicaron a produción do ano anterior e ao longo do 2018 agardan alcanzar os 280.000 litros de xeado vendido, un 40% máis que na última campaña de verán. Este éxito débese en parte a unha carta que destaca polo seu sabor, pola súa variedade e por tratarse dun produto sen colorantes nin ingredientes artificiais; pero tamén polo tecido dunha rede de tendas propias e franquiciadas que medra con paso firme.
Na actualidade a CAP dispón de 8 puntos de venda propios nas principais cidades de Galicia e outros 6 en rexime de franquicia situados en vilas máis pequenas e noutros lugares do Estado, como Madrid, Almería ou Málaga.

Ademais, neste 2018 tamén iniciaron a súa expansión a través de “corners” en cafeterías e restaurantes. Dito doutro xeito, establecementos hostaleiros cunha vitrina refrixerada onde é posible tomar un Bico de Xeado ou copas onde estes xeados galegos son os principais protagonistas.

A granxa que se está construíndo en Santa Mariña virá reforzar a capacidade da CAP para atender unha demanda crecente sen renunciar á calidade. Para iso non chegará só con gando que dea o mellor leite nin cunhas instalacións modernas, senón que tamén fará falla producir dun xeito o máis eficiente posible. Algo que se consegue en boa medida producindo o alimento con medios propios. “Estamos cultivando unhas 65 hectáreas, pero temos idea de ilas aumentando pouco a pouco, algo que non é doado”, explica Juan Freire.
Outro dos factores claves é a parte humana do proxecto. Nestes momentos en Santa Mariña hai tres persoas a tempo completo atendendo os labores agrarios e tamén as 250 xovencas da raza Jersey que chegaron o venres pasado. Pero, tal e como adianta Freire, “cando empecemos a muxir, aló polo mes de xaneiro ou febreiro, contamos crear 5 postos de traballo directos máis todos os indirectos que pode crear unha granxa”.

O técnico da CAP engade a este respecto que o futuro desta e de calquera outra iniciativa agrogandeira descansa na “vocación, ilusión e profesionalidade” das gandeiras e gandeiros, ao tempo que lamenta a dificultade de atopar perfís laborais que respondan a estas premisas. “O máis importante para min son os nosos traballadores, en canto a que eles son os que marcarán a diferenza sobre se o proxecto vai funcionar ou non. O tema laboral é complicado, é moi difícil atopar xente válida para traballar. O proxecto básase no capital humano que temos, é o recurso máis importante que ten esta explotación e esta empresa”.