Lembran que as fibras deste material son altamente canceríxenas e que a súa utilización está prohibida en España dende 2002
O PSOE de Ordes vén de presentar unha moción na que insta á retirada de todas as cubertas de amianto existentes nos centros educativos do municipio, tanto nos dependentes da Consellería de Educación como dos dependentes do Concello de Ordes. Así mesmo, solicita ao Concello de Ordes que faga un inventario do amianto existente en todos os colexios e edificios municipais para a súa retirada, xa que as fibras deste material son altamente canceríxenas.
“O CEIP Castelao ten a cuberta de uralita ou fibrocemento, que se atopa moi deteriorada tanto polos distintos temporais como polo normal paso do tempo. A consecuencia é que fibras de amianto sobrevoan e contaminan o aire do centro escolar”, explica Alejandro Manteiga, voceiro municipal socialista. Unha circunstancia que tamén se reproduce no IES número 1, concretamente no edificio no que se imparte FP Electromecánica de Vehículos, que tamén conta con amianto na súa cuberta.
“Non podemos esquecer que as fibras de amianto son altamente canceríxenas e poden orixinar diversos tipos de cancros de pulmón e pleura, así como un tipo de fibrose pulmonar coñecida como asbestosis”, indica Alejandro Manteiga, quen lembra que “os nenos e nenas son máis vulnerables cos adultos á exposición ao amianto, pois teñen unha actividade respiratoria maior en relación á súa capacidade e superficie pulmonar e están más cerca do chan, onde adoitan pousarse estas fibras”.
Así mesmo, os socialistas pídenlle ao Concello de Ordes que faga un inventario do amianto existente en todos os edificios municipais, non só nos centros escolares, para proceder á súa retirada. “Hai uns meses advertimos ao Concello da presenza dun vertedoiro incontrolado e especialmente perigoso, pois contiña restos de amianto”, lembra Manteiga.
Traslado ao Parlamento
Por esa mesma razón, a secretaria xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Elvira Rodríguez, adianta que “imos darlle traslado desta moción ao grupo parlamentario socialista, pois consideramos que a retirada do amianto dos centros escolares é unha obriga da Xunta a nivel de toda Galicia”. Neste sentido, Elvira Rodríguez lembra que “no 2013 a Unión Europea aprobou unha resolución na que pide aos Estados membros que avancen no proceso de eliminación gradual do amianto no menor prazo posible”.
O amianto, máis identificado en España como uralita ou fibrocemento (as dúas marcas coas que se comercializou no noso país), foi empregado dun xeito masivo ata mediados dos anos 80, cando se demostrou que as súas fibras eran altamente canceríxenas. Dende entón, as súa prohibición foi gradual e en España quedou prohibido o seu emprego en calquera forma ou produto dende 2002. Así mesmo, o 14 de marzo de 2013 o Parlamento Europeo aprobou unha resolución, co apoio do 91% dos parlamentarios, non que anima á UE a colaborar coas axentes sociais e entidades a escala europea, nacional e rexional para desenvolver plans para a xestión e eliminación do amianto. Así mesmo, no punto 22 da resolución pídese aos Estados membros que avancen no proceso de eliminación gradual do amianto no menor prazo posible.