Centos de veciños e veciñas de Noia achegáronse este sábado pola explanada de Labarta para participaren nas distintas actividades organizadas polo Concello de Noia co gallo da conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente, celebrado baixo a lenda “Sen contaminación por plástico”. Unhas actividades que incluíron a celebración do Día da Bici, que reuniu a máis de medio cento de ciclistas, que fixeron un percorrido polo paseo marítimo acompañados polo alcalde de Noia, Santiago Freire; a concelleira de Medio Ambiente, Ángela Neria, e técnicos de Axóuxere Deporte e Tempo Libre.
Pola mañá, o photocall con tizas trasladouse ao seu emprazamento orixinal: a alameda e a praza de San Francisco. Ducias de nenos e nenas deron renda solta á súa creatividade e coincidiron nun mesmo tema: o mar. Máis concretamente na necesidade de reciclar correctamente os plásticos para que non cheguen ao mar.
Mentres, na explanada de Labarta tiñan lugar un obradoiro de reciclaxe e un circuíto de karts, que pola tarde complementouse cun circuíto de seguridade viaria para as bicicletas, xusto antes da celebración do Día da Bici. A concelleira de Medio Ambiente, Ángela Neri, amosouse moi satisfeita polo desenvolvemento da xornada e pola “elevada concienciación que amosan os nosos nenos e nenas en todo o que significa reciclaxe e coidado do noso medio natural”.