Bares, restaurantes e establecementos terán de prazo dende mañá martes ata o 26 de xuño. O certame desenvolverase os días 12, 13 e 14 de xullo
O Concello de Ordes anuncia a apertura do período de inscrición para os bares e restaurantes que queiran participar na cuarta edición do concurso de tapas De bo dente. Este desenvolverase ao longo da fin de semana do 12, 13 e 14 de xullo.
Para apuntarse será necesario cubrir a folla de inscrición e entregala dende o 19 ata o 26 de xuño como data límite, ben no mesmo Concello ou ben enviándoa ao correo electrónico maria.tembra@ordes.gal. A dita folla poderán solicitala no Departamento de Cultura ou ben descargala da páxina web ou das redes sociais do Concello (Facebook e Twitter). A cota de inscrición é de 20 €.
O concurso de tapas De bo dente é unha das iniciativas gastronómicas de maior importancia e participación das que se desenvolven en Ordes. A súa principal finalidade é a de incentivar a cultura das tapas, fomentar a súa calidade, acadar un maior número de visitantes no municipio e promover a gastronomía local á par que se dinamiza a hostalería.
Cómpre lembrar que na última edición foron 20 os establecementos participantes, os cales en conxunto presentaron un total de 50 creacións culinarias elaboradas con todo tipo de produtos.