A conselleira comprometeu co alcalde de Noia a elaboración dun estudo para mellorar a seguridade viaria en Boa e unha senda peonil dende Orro cara A Barquiña
A reunión mantida o pasado mércores polo alcalde de Noia, Santiago Freire, coa conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, resultou moi produtiva. Ademais de conseguir a encarga do proxecto de conexión da AC-311 e a DP-4202 (que actuará como circunvalación para a veciñanza de San Lázaro e do Couto), a conselleira confirmou a próxima licitación do proxecto de humanización do barrio de San Bernardo por un importe de 280.000 euros.
“É unha obra moi demandada pola veciñanza e suporá unha ordenación e unha configuración máis urbana e humanizada para o barrio de San Bernardo, unha das entradas a Noia”, explica Santiago Freire. O alcalde noiés indica que “nestes momentos en San Bernardo hai unhas beirarrúas moi estreitas e con estas obras imos ampliar a sección de beirarrúas, dándolles unha configuración máis urbana. Trátase dun proxecto onde os peóns terán prevalencia sobre os vehículos, polo que tamén está prevista a redución da velocidade de tránsito na zona”.
A conselleira de Infraestructuras confirmou que o proxecto sairá a licitación nun prazo de mes ou mes e medio, unha vez que xa está rematado o proxecto construtivo encargado ao Concello de Noia. “Suporá un investimento de 280.000 euros para construír novas beirarrúas, incluír actuacións para facilitar a accesibilidade de todas as persoas e mellorar o acceso a Noia pola AC-311”, conclúe Freire Abeijón.
Orro e Boa
Durante a reunión, Ethel Vázquez anunciou unha próxima visita a Noia para a inauguración oficial da senda peonil de Orro, unhas obras executadas pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda e que supuxeron un investimento de preto de 100.000 euros. “Unha visita na que poderemos amosarlle sobre o terreo a importancia de darlle unha continuidade a esta senda peonil e mellorar o traxecto dende Orro cara A Barquiña, seguindo a estrada AC-550”, apunta Santiago Freire.
Finalmente, a conselleira de Infraestruturas e Vivenda tamén comprometeu a elaboración dun estudo para construír un tramo de beirarrúas en Boa, para mellorar a seguridade viaria nesa zona. “Unha actuación que se centrará, sobre todo, na zona da curva, onde hai unha cuneta pequena e queremos darlle continuidade ás beirarrúas. Para iso vaise elaborar primeiro un estudo informativo e despois se presentará o proxecto”, explica o alcalde noiés.