A concelleira de Deportes, Ana Soneira, participará no encontro a carón da taekwondista Tania Gándara e de Natalia Naya, adestradora do Club de Patinaxe Galia. Poderán asistir todas as persoas interesadas e proxectarase o documental ‘Contra os elementos’
O vindeiro martes, 19 de xuño, a partir das 10 horas terá lugar na Casa da Cultura de Ordes o vidio forum Muller e Deporte, conquista os Elementos. Nel participarán a concelleira de Deportes, Ana Soneira, ademais da taekwondista local e campioa outonómica Tania Gándara, e da adestradora do Club Patinaxe Galia, Natalia Naya.
‘Conquista os elementos’ é unha campaña impulsada pola Deputación da Coruña para xerar coñecemento e conciencia en torno ao deporte feminino. As persoas que o desexen poderán desfrutar de balde da proxección do documental ‘Contra os elementos’, composto por catro pezas. Ao seu remate haberá unha charla-coloquio e un debate sobre o tema.
Mediante esta iniciativa quérese fomentar a participación das mulleres na práctica de actividades físico-deportivas en igualdade de condicións que os homes, superando barreiras de xénero. Tamén se pretende recoñecer o éxito deportivo das mulleres, e promover un cambio no xeito de presentar a información deportiva dende a perspectiva da linguaxe icónica e escrita co fin de erradicar estereotipos. Outra intención é a de coeducar en igualdade de oportunidades en canto á muller no deporte, así como a xeración de espazos de debate e reflexión sobre a materia.
Esta iniciativa desenvolverase ao longo de 23 concellos e está deseñada pola área de Benestar Social e Igualdade da Deputación da Coruña.