O delegado territorial da Xunta na Coruña informou destas axudas que reciben os concellos para mellorar a calidade da oferta turística e para promover as festas
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, fixo balance da liña de axudas que este ano abriu Turismo de Galicia, departamento que dirixe Nava Castro. Concretamente, na comarca de Ferrol percibirán 95.000 euros para acometer obras de mellora de accesibilidade, sinalización ou acondicionamento das súas infraestruturas turísticas e para as súas festas, entre outras accións.
Tal e como explicou Ovidio Rodeiro, para afondar na colaboración coa administración local, Turismo de Galicia ampliou este ano os fondos dirixidos aos concellos. A liña para melloras nas infraestruturas incrementouse en 2018 un millón de euros, ata os 2,5 millóns. Ademais, mentres que ata agora procedían de fondos europeos, agora pasan a ser fondos propios.
O apoio aos concellos centrouse en dous proxectos na comarca ferrolá: a recuperación de lavadoiros e fontes de Cabanas para crear a Ruta da Auga e, en San Sadurniño, a accesibilidade ao pico da Ferreira e sinalización.
Máis de 200 entidades locais de toda Galicia beneficiáronse os dous últimos anos destas axudas. Este ano, ampliáronse os conceptos subvencionables, pois ademais de sinalización e accesibilidade dos recursos, incluíronse actuacións de embelecemento dos accesos, das contornas, dos Bens de Interese Cultural (BIC), xa declarados ou en proceso de selo, e iniciativas de posta en valor turístico.
Nas convocatorias de Turismo se inclúen tamén as subvencións para contratación de persoal nas oficinas de turismo, que recibirán os concellos de Cedeira, Pontedeume e a Mancomunidade de concellos da Comarca de Ferrol. Tamén se recolle as axudas para o apoio, promoción e difusión para as festas declaradas de interese turístico de Galicia, que este ano 2018, conta cun crédito orzamentario de 306.000 euros para toda Galicia.
Na área de Ferrol recibirán unha axuda de 3.000 euros a través de Turismo de Galicia as Alfombras Florais de Ares, a Festa das Pepitas de Ferrol, a XVIII Festa do Polbo de Mugardos, a XX Oenach Atlántico de Sedes, a Festa do Pan de Neda e a Pantín Classic Galicia Pro.
FERROL | ||
CONCELLO | OBXECTO SUBVENCIÓN | Subvención concedida |
ARES | Alfombras florais de Corpus Christi | 3.000,00 € |
CABANAS | Recuperación de lavadoiros e fontes creando a ruta da auga na vida da muller e do peregrino | 36.278,99 € |
CEDEIRA | Contratación persoal oficinas turismo | 5.026,31 € |
FERROL | Festa das Pepitas | 3.000,00 € |
MUGARDOS | XVIII Festa do Polbo | 3.000,00 € |
NARÓN | XX Oenach Atlántico de Sedes | 3.000,00 € |
NEDA | Festa do pan de Neda | 3.000,00 € |
PONTEDEUME | Contratación persoal oficinas turismo | 5.198,01 € |
SAN SADURNIÑO | Accesibilidade ao pico de Ferreira e sinalización | 25.512,50 € |
VALDOVIÑO | Pantín Classic Galicia Pro | 3.000,00 € |
Mancomunidade de concellos da Comarca de Ferrol | Contratación persoal oficinas turismo | 4.976,58 € |
TOTAL | 94.992,39 € |