Thursday 21 de November de 2024

O Concello de Frades investiu case 40.000 euros na renovación do campo municipal de fútbol da Chousa, en Ponte Carreira


Un encontro entre a SD Ponte Carreira e un equipo de veteranos servirá para reinaugurar o campo municipal este domingo 17, ás 11:00 horas

O campo municipal de fútbol da Chousa (Ponte Carreira) volverá a abrir as súas portas este domingo 17 de xuño despois das obras de remodelación e mellora acometidas polo Concello de Frades, que investiu case 40.000 euros en dotar a estas instalacións de novo céspede, sistema de rego, mellores vestiarios e novos accesos. Unha reapertura que terá lugar este domingo, coincidindo coa Churrascada de Fin de Temporada da SD Ponte Carreira, e que incluirá un partido entre a SD Ponte Carreira e un equipo de veteranos, ás 11:00 horas.

A pesar de ser un campo de fútbol de gran alfuencia, o campo da Chousa presentaba unha serie de deficiencias tanto nas instalacións de rego automático como no propio campo de xogo. Grazas a unha subvención de 30.000 euros da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, o Concello de Frades reparou o sistema de rego automático coa instalación de 600 metros de tubería de polietileno e 9 electroválvulas con regulador de caudal, 35 aspersores e un programador electrónico de rego. Unha vez instalado, procedeuse ao acondicionamento e rexeneración do terreo de xogo, de 105 x 60 metros, coa plantación dun novo céspede.

“A maiores, dende o Concello de Frades achegamos algo máis de 9.000 euros de fondos propios para realizar unha mellora na instalación eléctrica dos vestiarios e para acondicionar os accesos á instalación”, explica Roberto Rey Martínez, alcalde de Frades.