Saturday 16 de November de 2024

A Casa da Cultura de Lousame acolle unha exposición de 29 obras de Che Tembra


A mostra poderá visitarse ata o vindeiro 30 de xuño

A sala de exposicións da Casa da Cultura de Lousame acollerá ata o vindeiro 30 de xuño a mostra “A historia da memoria”, de José Andrés Tembra Redondo, máis coñecido como Che Tembra. Unha selección de 29 pezas do artista rianxeiro que inclúe unha peza realizada especialmente para esta exposición: “As dúas rosas de Lousame”, “unha homenaxe a dúas mulleres asasinadas polos fascistas e a Garda Civil no 1938 e no 1943”, explica o autor.

Tembra asegura que coas súas obras pretende poñer de manifesto “que se pode perdoar as cousas, pero nunca olvidalas”. Neste sentido, fixo unha reflexión sobre a situación actual cos refuxiados. “Somos uns pobres ignorantes que, en canto temos catro perras nos equencemos de que pobo máis emigrante ca nós non o hai no mundo. No 39 tivemos que marchar moitos a países como México e aló si que nos acolleron”, apuntou o artista rianxeiro.

Nova exposición en marzo de 2019

Che Tembra estivo acompañado no acto de inauguración pola concelleira de Ensino de Lousame, Silvia Agrafojo, quen agradeceu a Che Tembra e á Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza a súa colaboración para a organización desta exposición. Así mesmo, comprometeu con Che Tembra que “para o vindeiro ano imos levar a cabo unha exposición no mes de marzo, coincidindo co Día da Muller, xa que nesta ocasión temos moi limitado o tempo de exposición por compromisos previos desta sala”.

Silvia Agrafojo animou á veciñanza a visitar esta mostra pois “Che Tembra constrúe cada peza con paciencia e precisión, amosándonos o retrato de diferentes situacións da vida cotiá e da nosa historia sen tapuxos”. Un punto no que incidiu o presidente da asociación cultural Barbantia, Manuel Cartea, quen asegurou que esta mostra de Lousame “é unha selección de 29 das máis duras e comprometidas obras deste pintor de lenzos de ferro”.

Pola súa banda, a profesora Pili Pereiro, da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza, describiu a Che Tembra como “ourolense, mecánico, soldador, ferreiro, reciclador, escultor, artesán, artista, caricaturista, retratista, retranquista, creador, home libre, reivindicativo, concienciador, comprometido coa lingua, coa memoria, coa historia, comprometido co seu poubo… cada cousa e todas poden definir ao home que hoxe expón parte da súa obra aquí”.

Segundo Pereiro, “cando nós vemos un cacho de madeira, ben sexa dunha árbore, do esquelete dun sofá, do cabezal dunha cama, dun barril… el ve a base ou o marco dunha obra” e salientou que a maiores “ten unha mirada crítica cara o mundo no que vide e plásmao para melloralo e para non repetir os erros do pasado”.