Santiago Freire salienta que “mellorará a conexión interior cara Noia, xa que funcionará como unha circunvalación, sobre todo para a veciñanza de San Lázaro e o Couto que poderán ir cara Santiago sen pasar polo casco urbano”
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda encargará en próximas datas a redacción do proxecto de conexión das estradas AC-311 e a DP-4202, dando así cumprimento ao compromiso adquirido pola conselleira Ethel Vázquez no inicio das obras da vía de conexión do núcleo de Portobravo (Lousame) con Sampaio (Noia), inauguradas o pasado 14 de maio. Así o confirmou a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, durante unha reunión mantida en San Caetano coa alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e co alcalde de Noia, Santiago Freire.
Ambos alcaldes coincidiron en agradecer á conselleira o seu compromiso cos veciños e veciñas de ambos municipios e do resto da comarca, xa que se trata dunha actuación que contribuirá a mellorar as conexións interiores cara Arousa Norte. Así, Santiago Freire salienta que “mellorará as conexións interiores cara Noia, xa que funcionará como unha circunvalación de Noia, sobre todo para a veciñanza de San Lázaro e do Couto, que poderán saír cara Santiago sen ter que pasar polo casco urbano”.
Uns beneficios nos que redunda a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, xa que “suporá un acceso directo e máis cómodo ao corredor e tamén cara o sur, sobre todo para os veciños e veciñas de Berrimes, Aldeagrande e Tállara”. Unha actuación que “complementará perfectamente a recentemente inaugurada conexión de Portobravo coa vía de alta prestacións Brión-Noia, a través de Sampaio”, destaca Villaverde Pais, quen agradece especialmente á conselleira Ethel Vázquez “que tivera en consideracións as peticións que lle realizamos hai dous anos, co que segue a demostrar o compromiso da Xunta con Lousame, con Noia e con todo o Barbanza”.
Nova infraestrutura
Santiago Freire explica que “ao igual que a conexión entre Sampaio e Portobravo, que mellorou a seguridade viaria na travesía de Noia, estamos falando dun vial de pouco máis de un quilómetro para conectar a estrada autonómica AC-311 coa da Deputación DP-4202 O Couto-Berrimes-Aldeagrande e que suporá a construción dun viaduto sobre o río para conectar ambas estradas”. Teresa Villaverde engade que “aínda non podemos falar de canto suporá de investimento, xa que a conselleira confirmounos que será preciso realizar un proceso expropiatorio, polo que se comprometeu connosco a iniciar de inmediato a tramitación desta obra, encargando a redacción do proxecto”.
Esta actuación foi solicitada en xullo de 2016 pola alcaldesa de Lousame á conselleira de Infraestruturas e Vivenda coincidindo coa presentación do proxecto da vía de conexión do núcleo de Portobravo (Lousame) coa vía de altas prestacións Brión-Noia, en Sampaio (Noia), unha actuación na que se investiron 1,3 millóns de euros e que está en servizo dende o pasado mes de maio, seis meses antes do previsto.
Unha obra cuxa funcionalidade destacaron ambos alcaldes, pois mellora a seguridade do tráfico rodado de saída cara Santiago dos veciños e veciñas de Portobravo, Tállara, Cruído e Lousame, que ata o de agora se facía a través dunha rúa moi estreita e sen asfaltar; e tamén reduce o número de vehículos na travesía de acceso a Noia pola AC-311, especialmente no cruce coa AC-308.