Monday 25 de November de 2024

ADOS premia a Ordes no Día Mundial do Doante pola súa gran contribución en materia de doazón de sangue


O presidente da Xunta de Galicia presidiu o acto que tivo lugar onte en Santiago, no cal se conmemorou o 25 aniversario da posta en marcha do Centro de Transfusión de Sangue. O alcalde de Ordes recibiu o galardón de mans da directora da axencia, Marisa López

Ordes, 15 de xuño de 2018. Coincidindo co Día Mundial do Doante o Concello de Ordes foi recoñecido cun dos galardóns outorgados pola Axencia de Doazón de Órganos e Sangue de Galicia (ADOS) no acto que tivo lugar onte pola tarde na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. Unha celebración coa que se conmemorou o 25 aniversario da posta en funcionamento do Centro de Transfusión de Galicia, hoxe englobado na dita axencia.

Actualmente Ordes continúa sendo un dos concellos cun nivel de doazóns de sangue máis alto de Galicia. En 2017 rexistráronse un total de 753 doazóns, o que supón unha taxa do 59/1.000, cando a media rexional está en 40/1.000.

En palabras do alcalde José Luis Martínez Sanjurjo, que recibiu o seu premio de mans da directora da axencia, Marisa López, “este galardón é un recoñecemento ao compromiso e á xenerosidade da xente de Ordes. Estamos orgullosos de que cada mes a unidade móbil ocupe un espazo no centro da nosa vila. Son tantos anos ao noso carón que é imposible non sentila como parte do noso pobo e da nosa paisaxe urbana”. Martínez Sanjurjo tamén manifestou sentirse “como nunhas vodas de prata porque precisamente será o vindeiro 16 de setembro cando se cumpran 25 anos da chegada da primeira unidade móbil de doazón ao noso pobo, menos dun mes despois de que o Centro de Transfusión empezara a desenvolver dende a súa sede compostelá as primeiras campañas altruístas entre a cidadanía. Aquel día 31 veciños e veciñas acudiron a doar sangue por primeira vez”.

108.000 doantes
O acto estivo encabezado polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen na súa intervención eloxiou “a superación, o esforzo e os éxitos continuos” da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue de Galicia (ADOS). Foi el o encargado de entregarlles aos diversos colectivos, organismos e entidades o premio polo papel destacado e pola súa solidariedade neste ámbito. Un agradecemento que fixo extensible aos máis de 108.000 doantes que o ano pasado permitiron a Galicia “superar o récord de transplantes de órganos”. Outra das autoridades presentes foi o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.

Entre os que esta tarde recibiron o seu merecido premio sitúanse universidades galegas, distintas asociacións e empresas como Finsa, Inditex, Jealsa, Alcampo, Coren, Alcoa ou o Grupo PSA Vigo, entre outras.

Tamén se recoñeceu a implicación de colectivos como os Bombeiros da Coruña, de centros de formación profesional e de concellos como Ordes, Padrón (A Coruña), Meira (Lugo), A Pobra de Trives (Ourense) e A Guarda (Pontevedra).