O alcalde de Brión e o presidente da Fundación asistiron ao acto de apertura do novo centro, que contará cunha dotación de 52 prazas residenciais e que estará operativo o vindeiro mes de xullo
O alcalde de Brión, José Luís García, e o presidente da Fundación de Estudos e Análises (FESAN), Manuel Rodríguez Sedano, asistiron ao acto de apertura da nova residencia Servisenior de Brión, que estará en pleno funcionamento en xullo de 2018. Unha visita á que asistiron máis dun cento de persoas, entre veciños e veciñas de Brión e o alumnado dos cursos de Formación Profesional de FESAN, que percorreron as novas instalacións guiados pola nova directora do centro brionés, Rosario Arufe Vázquez.
Manuel Rodríguez explica que “pretendemos trasladar a Brión un modelo de atención residencial caracterizado pola cercanía, a exclusividade e a personalización, que xa se vén implementando con éxito noutras das nosas residencias, como é o caso da residencia Servisenior Santiago. Un modelo de atención a persoas maiores que pretende situarse lonxe da sistematización e colectividade que soe aplicarse en centros residenciais de maiores dimensións”.
Pola súa banda, o alcalde brionés agradeceu o convite do presidente da FESAN e lembrou que “cando puxemos a primeira pedra deste proxecto comentei que era unha inicativa que viña cubrir un servizo do que non dispoñíamos en Brión, xunto co auditorio. E o certo é que, apenas un ano despois, podemos dicir que estamos cubrindo ambas carencias. Hoxe inauguramos esta residencia, con 52 prazas residenciais. E nos orzamentos deste ano xa incluímos a partida para comprar os terreos onde se construirá o futuro auditorio de Brión”.
García amosou o seu convencemento de que a apertura desta residencia terá un dobre impacto positivo en Brión: “un impacto social, pois aqueles veciños e veciñas que desexen optar por este servizo non terán que buscar acomodo lonxe do seu fogar e dos seus familiares e amigos. E un impacto económico, pois ademais de supoñer a creación de varias decenas de postos de traballo, que sempre é de agradecer, o funcionamento da propia residencia será moi positivo para as empresas do noso municipio”.
De feito, o alcalde brionés aproveitou para presentarlle ao presidente da FESAN o proxecto “Transformando en Brión”, unha iniciativa colaborativa que promove o Concello de Brión canda a Deputación da Coruña e que permitirá que “as persoas maiores desta residencia poderán ter acceso a alimentos frescos e transformados de Brión. Produtos ecolóxicos e de gran calidade, con todas as garantías legais e sanitarias”.
Visita
José Luís García percorreu as dependencias do inmoble de dúas plantas desta nova residencia canda gran parte dos concelleiros de Brión, encabezados pola concelleira de Servizos Sociais, Iolanda Bouzas. Unha residencia para maiores de 1.800 metros cadrados de superficie con soto, planta baixa e dúas plantas. Conta con 26 habitacións dobres, todas elas con baño. Dúas destas habitacións, é dicir 4 prazas, están habilitadas para persoas con minusvalía. Conta con sala de convivencia, sala polivalente, sala de curas/farmacia, despacho médico con dúas enfermerías e servizo de lavandería, así como un moderno sistema de calefacción por pellets.
Un inmoble emprazado nunha parcela na urbanización Lamas de Albariño, a carón do parque municipal de Lamiño e perfectamente comunicado, pois está ao pé da entrada/saída da autovía Santiago-Brión e a menos de cen metros da parada do transporte metropolitano.
FESAN
FESAN entende a atención residencial como un servizo para mellorar a calidade de vida das persoas maiores e unha oportunidade para potenciar o envellecemento activo entre as súas persoas usuarias. Este modelo de atención, unido á longa experiencia dun equipo de profesionais que levan anos coordinando e prestando servizos neste sector, ten como resultado unha ampla demanda de prazas nos centros que esta entidade xestiona.
A xestión destes servizos de atención ao maior concrétase nos seguintes centros distribuídos polas provincias da Coruña e de Lugo: Residencia Servisenior de Ordes, Residencia Servisenior de Santiago e Vivendas Comunitarias de O Saviñao, destacando a próxima apertura ao longo deste ano dun Fogar Residencial en Vilagarcía.
A ampla experiencia de FESAN na xestión de centros tamén se contempla no sector infantil, coordinando na actualidade 14 escolas infantís distribuídas en tres provincias galegas: Monteporreiro, Mugardos, Piringalla, Pontecesures, Pontedeume, San Fiz, Saviñao e Ordes, dúas en Sanxenxo (O Revel e O Tombo), e tres en Narón (Solaina, A Gándara e Piñeiros).
Ademais da xestión de servizos, o outro pilar de traballo de FESAN é a formación, contando cunha ampla oferta formativa de Formación Profesional especificamente orientada a mozas e mozos galegos interesados en traballar nos ámbitos da atención sociosanitaria e/ou infancia. Actualmente, FESAN desenvolve 6 ciclos de Formación Profesional e conta cun volume anual de alumnos/as próximo ás 150 persoas.
Fóra da formación regrada, FESAN tamén destina a súa actividade a formación e preparación laboral daqueles colectivos con maiores dificultades para incorporarse ao mercado laboral, tales como persoas desempregadas de longa duración, persoas con baixa cualificación, mozos e mozas sen experiencia laboral previa… entre outros, chegando a formar a unha media de 400 alumnos/as cada ano.