Esta medida tómase ante a situación de emerxencia humanitaria dos preto de 630 migrantes do Aquarius
O Concello de Boqueixón vén de abrir un rexistro municipal de familias de acollida de refuxiados. Esta medida tomouse ante a situación de emerxencia humanitaria dos preto de 630 migrantes do Aquarius e o chamamento feito á FEMP por parte da Vicepresidencia do Goberno no marco do compromiso co colectivo de refuxiados e migrantes.
“Todas aquelas familias que queiran inscribirse neste rexistro municipal deberán dirixirse ao Departamento de Servizos Sociais. Unha vez alí deberán dar conta da súa intención de ser familia de acollida de refuxiados e despois informaráselles sobre como se desenvolverán estas acollidas”, explica o alcalde do Concello de Boqueixón, Manuel Fernández Munín.
Dende a administración boqueixanesa buscan a implicación da veciñanza para contar co meirande número de familias de acollida posible. “Temos que facer todo o que estea nas nosas mans para paliar as devastadoras consecuencias dunha tráxica situación coma a do Aquarius”, conclúe o rexedor.
Para máis información, as persoas interesadas deberán remitirse ao Departamento de Servizos Sociais do Concello de Boqueixón (981 513 006).