Dafonte cobrou tamén dietas duplicadas do Concello e da Deputación no mesmo día, así como por supostas visitas a Administracións realizadas en fin de semana
O alcalde de Trazo cobrou dúas dietas por supostas visitas institucionais a Santiago de Compostela realizadas en datas nas que tiña delegadas as súas funcións por atoparse de vacacións e de viaxe en Lourdes (Francia) e no País Basco. Este é só un dos moitos exemplos das presuntas irregularidades descubertas pola Agrupación Socialista de Trazo tras analizar a documentación proporcionada polo propio Concello. Unhas irregularidades que puxo en coñecemento do Valedor do Pobo e o Consello de Contas de Galicia.
A voceira municipal socialista, Beatriz Domínguez, explica que “o caso de Lourdes é o exemplo máis flagrante de que os pagos de dietas no Concello de Trazo se teñen efectuado sen a súa necesaria fiscalización e sen ningún tipo de documentación acreditativa máis aló do que poñía o señor Dafonte nun papel”. De acordo coa documentación facilitada polo propio Concello de Trazo ao grupo municipal socialista, Xosé Dafonte cobrou sendas dietas por unhas supostas viaxes á Dirección Xeral de Urbanismo (o 30 de agosto de 2016) e a Augas de Galicia (o 31 de agosto de 2016) que nunca tiveron lugar, xa que neses días tiña delegadas as súas funcións como alcalde por estar de vacacións, tal e como se pode comprobar no decreto publicado no Boletín Oficial da Provincia nº 166 do 1 de setembro de 2016 (http://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2016/09/01/2016_0000007143.html).
“É evidente que o señor Dafonte mentiu e esta vez non poderá dicir que son invencións dos socialistas para quitarlle a Alcaldía, mentira que repite nos medios de comunicación cada vez que comete unha irregularidade. Nesta ocasión non só hai un Decreto da Alcaldía de delegación de funcións, asinado por el mesmo, senón que hai fotos e son moitos os veciños e veciñas de Trazo que poden acreditar que o señor Dafonte estaba canda eles de excursión en Lourdes e no País Basco, e non reunido na Xunta de Galicia”, apunta Beatriz Domínguez.
A voceira socialista asegura que “Dafonte volve a mentirlle á veciñanza cando di que ao mellor non ten un ticket dunha comida concreta. A verdade é que non presentou nin un só ticket, factura ou xustificante das súas viaxes nos últimos 4 anos”. Domínguez insiste en que “non estamos en contra de que o alcalde cobre as dietas que lle correspondan, sempre que sexa traballando para os veciños e veciñas de Trazo. Pero a lei esixe que haxa unha xustificación documental. E no Concello de Trazo non é que falte unha factura, como di Dafonte, é que non hai nin a primeira”.
Por iso, os socialistas volven a esixirlle ao alcalde do Partido Popular que xustifique documentalmente as súas dietas ou, en caso contrario, devolva aos veciños e veciñas de Trazo os 29.491,86 euros que cobrou indebidamente en dietas sen xustificar e de xeito presuntamente irregular entre os anos 2014 e 2017. “En todo caso, o noso traballo e esforzo xa pagou a pena porque conseguimos que o gasto se reducira considerablemente, pois dende que comezamos a pedir ver a documentación xustificativa das dietas Dafonte pasou de cobrar nun mes case mil euros a non chegar aos 500”, apunta Beatriz Domínguez.
Cobro dobre
Outro indicio que pon en dúbida a veracidade das viaxes do alcalde de Trazo son dúas dietas percibidas indebidamente por Dafonte durante a súa etapa como deputado provincial do Partido Popular. “O señor Dafonte cobrou dietas por desprazamentos a Coruña para asistir a supostas reunións en organismos públicos coincidindo con Plenos da Deputación, da que formaba parte coma deputado do PP e aos que consta en acta que asistiu”, sinala Domínguez.
A pesar de que non é legal cobrar dúas veces polo mesmo desprazamento, Dafonte percibiu por duplicado as dietas correspondentes ao 27 de xaneiro de 2015 e ao 24 de abril de 2015, por supostas reunións na Xefatura Territorial de Medio Rural.
Dietas en fin de semana
O alcalde de Trazo tamén percibiu dietas por supostas visitas realizadas en fin de semana:
– tanto en sábado: Deputación (19/04/2014), Dirección Xeral de Patrimonio (30/04/2016) e Augas de Galicia (25/04/2017).
– como en domingo: Consellería do Medio Rural (24/01/2016), Augas de Galicia (2/07/2017) ou incendios (10/09/2017). Mención especial merece a dieta de Augas de Galicia, pois tivo lugar na Coruña, cando a sé do organismo está en Santiago
Ademais, Dafonte percibiu cando menos 5 dietas máis por visitas a Administracións coincidindo coa celebración de Plenos da Corporación Municipal de Trazo, que el mesmo preside. “Chama a atención que o señor Dafonte poida estar ao mesmo tempo reunido na Deputación da Coruña e presidindo o pleno municipal”, ironiza Beatriz Domínguez, “aínda que peor é o caso do 18 de agosto de 2016, día no que tivo lugar unha visita institucional do presidente da Deputación a Trazo e na que o alcalde estivo presente durante toda a mañá. Sen embargo, o señor Dafonte cobrou como se estivera reunido en Augas de Galicia”.
A voceira socialista considera que “a documentación do propio Concello de Trazo e o feito de que o señor Dafonte non fora quen de presentar nin unha sola factura, ticket ou documentación xustificativa das dietas cobradas nestes catro últimos anos a pesar de que llo solicitamos ata en 9 ocasións, fan que pensemos que estamos diante dun máis ca posible uso fraudulento e continuado dos cartos de todos os veciños e veciñas de Trazo, polo que lle esiximos ao señor Dafonte que devolva todos os cartos que ten cobrado de forma irregular”.