Este ano poderase realizar a súa solicitude a través dun formulario electrónico desde a web ata ás 13.00 horas do día 21 de xuño
O Concello de Cambre abriu o prazo para solicitar a autorización para a realización de cacharelas e/ou sardiñadas en espazos públicos. Deberase solicitar a oportuna autorización municipal antes das 13.00 horas do día 21 de xuño, na que se deberá indicar o DNI do responsable, que deberá ser maior de idade, así como o lugar de emprazamento.
Os interesados poderán solicitar a autorización nos rexistros municipais de:
-Cambre: Os días 12, 14 e 15 de xuño de Cambre de 10 a 13.30 horas.
-Casa Palmeiras (O Temple): Os días 18, 20 e 21 de xuño de 9 a 10.30 horas.
Por outra banda, os interesados poderán realizar a súa solicitude a través dun formulario electrónico desde a páxina web municipal ata ás 13.00 horas do día 21 de xuño. Só se concederán permisos para cacharelas ou sardiñadas na noite do 23 ao 24 de xuño. O horario para levar o material establécese a partir das 16.00 horas do día 23 de xuño.
Prohíbese facer calquera tipo de fogo ou cacharela sobre BEIRARRÚAS, prazas públicas, ou calquera superfície que poida quedar danada pólo fogo ou a cinza, agás en lugares autorizados polo Servizo Municipal de Emerxencias.
Deberase ter limpo un radio de 5 metros arredor da cacharela. As cacharelas non poderán ter unha altura superior á que determinen os servizos de emerxencias e seguridade municipais, que poderán inspeccionalas, aínda que, como norma xeral, non superarán os 2,5 metros de altura. Deberanse situar como mínimo a 15 metros de colectores, vehículos, vivendas, farolas, etc, e en ningún caso baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, debendo coidar que nos arredores non exista ningún local onde se almacenen produtos inflamables.
Prohíbese o uso de combustibles e acelerantes, así como a queima de neumáticos, plásticos, escuma de poliuretano e, en xeral, de calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico.
Deberase contar con extintor ou medios axeitados para actuar en caso necesario.
Os responsables das cacharelas e/ou sardiñadas deberán atender en todo momento os requerimentos dos servizos de Emerxencias e Seguridade municipais que, por razóns de seguridade, poderán ordenar a retirada ou a modificación dos seus elementos.
A hora límite para rematar a celebración é ás 03.30 horas da madrugada, de acordo co horario establecido no Decreto da Xunta de Galicia para a celebración de festas e romarías populares. Ao remate os responsables da organización coidarán de que os restos queden totalmente apagados e deberán limpar o espazo autorizado antes de 24 horas. En caso contrario deberán asumir o coste da limpeza que poderan efectuar os servizos de limpeza municipais.