Na súa intervención destacou que o Clúster de Turismo de Galicia converteuse, en menos dun ano, nunha ferramenta indispensable para lograr obxectivos comúns e traballar conxuntamente no posicionamento do destino Galicia dun xeito eficiente
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto co presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Francisco González, inaugurou hoxe o primeiro Encontro de clústers de turismo de España que reuniu máis de 150 profesionais do sector.
A Coruña, foi a cidade elixida para albergar este primeiro encontro profesional do sector turístico a nivel nacional que, nesta edición, centra a súa temática na importancia da cooperación público – privada e a innovación.
Na súa intervención, a directora de Turismo de Galicia sinalou que a situación na que estamos inmersos, na que nos enfrontamos a un escenario moito máis esixente, require a máxima coordinación interadministrativa e a maior colaboración público – privada. “En momentos como este é fundamental crear sinerxías, complementariedades e unirse por un obxectivo favorable para todos”, afirmou.
Nava Castro destacou que un dos principais retos de Turismo de Galicia era a creación dun Clúster de Turismo, do cal dixo, “hoxe é unha realidade que podemos celebrar”. Neste senso, a directora de Turismo de Galicia explicou que o clúster galego converteuse, en menos dun ano, nunha ferramenta indispensable para lograr obxectivos comúns de todos os integrantes e traballar conxuntamente no posicionamento do destino Galicia dun xeito eficiente e competitivo. “Coa súa constitución conseguimos aglutinar os intereses das múltiples asociacións e profesionais nunha única entidade incrementando as opcións para apostar pola internacionalización e a apertura a novos mercados e proxectos turísticos”, afirmou a directora galega de Turismo.
Así mesmo, Nava Castro engadiu, durante a inauguración do encontro, que para manter o impulso do sector son fundamentais a innovación e a competitividade.
As xornadas que se prolongarán en sesión de mañá e tarde, contarán coa participación de John Kester, xefe do Departamento de Estudos de Mercado e Técnicas de Promoción da Organización Mundial do Turismo (OMT); Joxe Mari Aizega, director xeral de Basque Culinary Center, ou Pere Durán Vall-Llossera, responsable de Turisme de Barcelona ata o pasado mes de xullo.
O encontro pecharase cunha mesa redonda sobre a clusterización do sector, na que participarán os representantes dos Clúster de Turismo de Galicia, Extremadura e Canarias que permitirá coñecer en maior profundidade a posta en marcha doutros clústers de turismo en España, cales son os retos comúns que deben afrontar e establecer sinerxías de traballo entre eles.
Aposta firme polo asociacionismo e a colaboración público-privada
Nava Castro incidiu no compromiso de Turismo de Galicia polo fomento do asociacionismo e a colaboración público-privada para continuar sendo competitivos e innovadores.
Nesta liña, Turismo de Galicia presentou este ano o seu plan integral que contou coa participación dos axentes máis representativos do sector e de todas as administracións e organismos da Xunta implicados e coa consulta a operadores e axentes relevantes tanto internacionais coma nacionais.
“O plan persegue que todos os axentes do sector traballemos de forma coordinada para poder dispoñer dunha marca Galicia que poida competir nos mercados tanto nacionais coma internacionais”, explicou a directora de Turismo de Galicia.
Entre os retos principais que aborda o Plan Integral encóntrase o de afianzar un sector turístico galego competitivo, proactivo, innovador e coordinado, cunha visión internacional. Deste xeito, unha das súas liñas estratéxicas céntrase no consenso e a cooperación entre o sector público e privado para lograr así un marco eficiente e xerador de oportunidades.
“Seguiremos apostando por traballar en estreita colaboración co sector empresarial turístico galego, porque só dende as alianzas e a cooperación se pode conseguir a excelencia e o liderado”, concluíu Nava Castro.