Friday 22 de November de 2024

Comeza o prazo para presentar propostas aos Orzamentos Participativos


Xa está aberto o prazo para presentar propostas para o proceso de Orzamentos Participativos Compostela Decide 2019. Dende onte, 11 de xuño, e ata o 6 de xullo calquera persoa maior de 16 anos pode facer as súas propostas de investimentos e de actividades, destinadas ao conxunto de Compostela, ao seu barrio ou parroquia, a actividades para a mocidade ou ás festas do Apóstolo do ano que vén.

A concelleira de Facenda, María Rozas, deu conta hoxe do inicio do proceso dos Orzamentos Participativos 2019, “a terceira edición dun proceso que xa está consolidado, e que desta vez permitirá que a veciñanza decida o destino de 1,5 millóns de euros das contas do próximo ano”. As propostas pódense achegar a través de dúas vías: na web decide.santiagodecompostela.gal, ou de maneira presencial. Neste caso, as persoas interesadas poden acudir ás asembleas e encontros sectoriais que se celebrarán nas semanas vindeiras ou achegarse ao evento de rúa que se celebrará o 30 de xuño durante todo o día na praza 8 de Marzo.

Un proceso regulado pola propia cidadanía O Grupo Motor dos Orzamentos Participativos, conformado por persoas de asociacións e outras que a título individual dinamizan e pilotan o desenvolvemento deste proceso, aprobou o regulamento que rexe o proceso na xuntanza celebrada o pasado mércores 6 de xuño no Centro Sociocultural das Fontiñas.

Un ano máis, o importe total dos Orzamentos Participativos repártese entre investimentos e actividades. Así, destínanse 400.000 euros ao municipio no seu conxunto ou a propostas que afecten a máis dunha zona da cidade, 450.000 euros ás parroquias do rural, “a única zona que se repite cada exercicio por motivos de reequilibrio territorial”, segundo lembrou María Rozas, e 225.000 euros, respectivamente, a dúas zonas da cidade. Nesta edición, as áreas incluídas no proceso Compostela Decide son os barrios do leste (San Roque, Bonaval, San Pedro, Concheiros, Almáciga, La Salle, Tras Santa Clara, Home Santo, Belvís, Seminario Menor, A Trisca e avenida de Lugo) e o noroeste (Galeras, Carme, Casas Novas, Santa Isabel, Salvadas, Vista Alegre, O Avio, San Lourenzo, Pombal, Pelamios, Xoán XXIII, A Estila, O Romaño e A Peregrina). Os restantes 200.000 euros destínanse a partes iguais a propostas de actividades para a mocidade e a celebrar durante as festas do Apóstolo de 2019.

Propostas de edicións anteriores feitas realidade
Nos últimos meses, algunhas das propostas que as participantes dos Orzamentos Participativos elixiron en edicións anteriores convertéronse en equipamentos e actividades reais das que xa pode gozar toda a veciñanza. É o caso da senda no campus educativo de Lamas de Abade, a pavimentación e acondicionamento do campo da festa de Marrozos ou o parque infantil en Outeiro de Sar (obra rematada próxima a ser inaugurada). Tamén están en marcha xa actividades escollidas pola mocidade na edición anterior, coma o programa de formación en agricultura ecolóxica Hortaliza-Te, que se desenvolve actualmente na Almáciga, ou Elas Tamén Pintan, centrada na arte urbana dende unha perspectiva de xénero.

As fases do proceso: Propoñer, apoiar e votar
O proceso de Orzamentos Participativos repite a estrutura da súa última edición e divídese en catro fases nas que a cidadanía intervén activamente. A primeira é a fase de propostas, que se estende do 11 de xuño ao 6 de xullo, na que calquera persoa maior de 16 anos pode achegar ideas de investimentos e actividades. Ao mesmo tempo, e ata o 27 de xullo, as persoas empadroadas na cidade poden darlle o seu apoio ás propostas presentadas. Este apoio é importante porque permitirá priorizalas para o seu estudo por parte do persoal técnico municipal na seguinte fase, a de avaliación, que dura ata o 25 de setembro. Nese tempo estimarase o custe de cada investimento ou actividade e comprobarase que sexan viables e legais para que poidan pasar á fase de votación final, á que chegarán 140 propostas, 20 por cada área ou proceso (excepto a área rural, da que pasarán 40).

Do 25 de setembro ao 14 de outubro, calquera persoa empadroada en Santiago de Compostela poderá votar por aquelas que queira que se incorporen aos orzamentos municipais de 2019.

Promóvese a participación presencial
A participación en todas as fases pode ser online, a través da plataforma decide.santiagodecompostela.gal ou presencial en asembleas, encontros sectoriais e eventos de rúa que o Concello celebrará ao longo do proceso para que os veciños e veciñas poidan xuntarse para identificar necesidades, facer propostas e debater cales son máis prioritarias.

Mocidade
Como en todas as edicións, a xente máis nova conta co seu propio proceso de participación, no que poderá presentar propostas de actividades calquera persoa, pero só poderán participar aquelas que teñan entre 16 e 35 anos (empadroadas ou estudando en Santiago de Compostela). A mocidade foi pioneira nos Orzamentos Participativos Compostela Decide, e este será xa o cuarto ano no que participan activamente na configuración dos orzamentos municipais, dende a experiencia piloto que protagonizaron en 2015. Nesta edición disporán de 100.000 euros, que se poden repartir en programas ou actividades de ata 15.000 euros cada unha a desenvolver en 2019.