Medio cento de maiores de Lousame participaron esta mañá nunha charla sobre como previr estafas, roubos e timos impartida por un formador da Garda Civil de Noia no auditorio da Casa da Cultura lousamiá. Unha charla na que se impartiron sinxelos consellos de seguridade tanto para previr roubos na casa como fóra dela, así como o xeito de actuar no caso de seren vítimas dunha estafa ou roubo.
Así, o axente expuxo consellos sinxelos para evitar ser vítima de timos na propia vivenda como non abrir a porta a descoñecidos, desconfiar dos servizos técnicos que se presentan sen teren sido solicitados e lembrar que os timadores buscarán calquera escusa para entrar na vivenda. No caso dos roubos fóra da casa, o formador recomendou camiñar pola parte interior da beirarrúa, co bolso cara a parede, non facer ostentacións de cartos nin xoias en público, andar con ollo nas aglomeracións de xente e non aceptar propostas que se ofrezan na rúa.
Se pese a todas as medidas de prevención se produce o roubo, dende a Garda Civil aconsellan chamar ao 112 e, no posible, manter a calma e fixarse no maior número de detalles do delincuente. Así mesmo, recomendaron ás persoas maiores que se son vítimas dun tirón non opoñan forte resistencia xa que poderían sufrir lesións físicas e aconsellaron que se non atopan as chaves, cambien a pechadura canto antes.
Este curso está enmarcado dentro da colaboración do Concello de Lousame e a Cruz Vermella de Noia, que ao longo do ano se traduce en distintas actividades a prol do envellecemento activo da veciñanza co obxectivo de conseguir beneficios físicos e psíquicos para os maiores.