Agora si que si. Segundo parece o tempo empeza a mellorar desde mediados desta semana e agárdase que, de cara ao venres, o sábado e o domingo todo, chan e atmosfera, estean enxoitos, ofrecendo as condicións ideais para unha fin de semana ao aire libre. E onde encher o tempo haberá de sobra con fútbol no campo de Corrás e tamén coas propostas preparadas polo Concello dentro dos programas Venres en Sansa! e Xuño deportivo. Así, na tardiña e a noite do venres, a mocidade entre 12 e 35 anos poderá gozar de paintball, tirolina, cociña, sendeirismo e educación canina, mentres que o domingo pola mañá terá lugar polos arredores de San Sadurniño a tradicional Ruta ciclista en familia. Para os Venres en Sansa! fai falla inscrición previa, mentres que para a ruta ciclista hai de prazo ata o propio domingo antes da saída.
Os Venres en Sansa! son un programa de lecer alternativo dirixido á xente nova que este ano se desenvolve en tres venres fixos dos meses de xuño, setembro e outubro. O primeiro é este venres e a rapazada que queira participar nel pode inscribirse na Casa da Cultura -ou na Biblioteca- ata o xoves, entregando cuberta a ficha descargable desde esta ligazón.
Poderanse escoller as actividades que se queiran -mesmo apuntarse para os vindeiros Venres en Sansa!-, tendo en conta que parte delas teñen horarios coincidentes. Así, as dúas primeiras serán a de tirolina -que comeza ás 19.00h. nos xardíns municipais e sen límite de prazas- e a de paintball, que arrancará á mesma hora no merendeiro da presa do paseo fluvial. Esta última oferta 60 prazas en tres quendas de 20, unha de 19.00 a 20.00h., outra de 20.00 a 21.00h. e, a terceira, entre as 21.00 e as 22.00h. Desde o Concello prégase puntualidade para que non se acumulen retrasos que metan demasiado na noite o último grupo.
As outras tres actividades son un obradoiro de educación canina -entre as 21.30 e as 23.30h. no patio cuberto do CPI-, outro de cociña creativa -de 23.15 a 01.00h. no mesmo lugar- e unha ruta circular de sendeirismo nocturno con saída e chegada tamén no colexio público. O percorrido rolda os 9 quilómetros e é de dificultade baixa. Partirase a iso das 22.00h. e cóntase estar de volta arredor da 01.00.
Ciclismo en familia
A actividade ao aire libre continuará na mañá do domingo, cando teremos a oportunidade de percorrer en bicicleta o centro de San Sadurniño e os seus arredores nunha nova edición da Roda cicloturista en familia que, como indica o propio nome, vén sendo un pequeno paseo pola zona apto practicamente para calquera idade. Sairase ás 11.00h. de diante do CPI e a ruta discorrerá maiormente por pistas secundarias ata o Muíño de Pedroso, onde está previsto un pequeno avituallamento antes de emprender a volta ao punto de saída.
O trazado practicamente non ten costas e as poucas que hai son doadas de sortear, de aí que Biela e Chaveta -o club local que colabora co Concello na organización- optase por rebaixar aos 4 anos a idade mínima para participar na ruta, que é gratuíta. Será obrigatorio usar casco e recoméndase levar chaleco ou roupa de cores vivas, posto que o traxecto se realizará sen cortes nin restricións do tráfico. Aínda con iso, o pelotón levará na cabeza o vehículo municipal de emerxencias e na cola un dos furgóns de obras, cumprindo a función de sinalizar a marcha e, ao mesmo tempo, marcando un ritmo que todas as persoas participantes poidan manter.
Para a Roda cicloturista en familia -que non ten límite de prazas- pódese formalizar a inscrición anticipada na Casa da Cultura ou ben apuntarse o mesmo día diante do colexio público antes da saída. Ao remate do percorrido haberá un sorteo de material relacionado co deporte da bici.
Últimos días para inscribirse nos Campamentos deportivos da Deputación
Por outra banda, cómpre lembrar que este venres 15 finaliza o prazo de preinscrición nos Campamentos deportivos da Deputación da Coruña, que reservan 3 prazas para o Concello de San Sadurniño. Son estadías nas instalacións do centro Calvo Sotelo da Coruña dirixidas a nenos e nenas de entre 9 e 14 anos -ambas idades incluídas-, quen disfrutarán durante esas datas de múltiples actividades ao aire libre. Para acceder ao campamento provincial é necesario que a cativería estea empadroada no concello e apuntarse na Casa da Cultura. Se houbese máis peticións que prazas dispoñibles faríase un sorteo para adxudicalas. Unha vez confirmada a praza poderáselle ingresar á Deputación o custe do campamento, que ascende a 85€.
O ente provincial tamén oferta a campaña de vela para os primeiros días de agosto, aínda que neste caso as inscricións hai que facelas antes do 25 de xullo directamente no Concello de Valdoviño. O custe son 25€.
XIV Torneo de fútbol 8 no campo de Corrás
A última cita desta fin de semana lévanos ao campo e a área recreativa de Corrás, onde o venres, sábado e domingo terá lugar o XIV Torneo de fútbol 8 organizado polo CF San Sadurniño. O venres tócalle á categoría prebenxamín, o sábado á benxamín e o domingo pecharán a competición as categorías alevín e feminina.
Á cita asistirán preto de medio cento de equipos de toda a volta. No recinto xuntaranse centos de rapaces e rapazas canda as súas familias nun encontro que é, de feito, unha celebración deportiva de peche de temporada para o fútbol de base da comarca. Ademais e xogar, a rapazada tamén terá a piscina municipal á súa disposición durante os tres días completamente de balde.