Fin de semana con grandes resultados para o Club Atlética A Silva-Ordes. Nos campionatos galegos sub10, sub 12 e sub 14 os máis novos e novas demostraron as súas calidades. Os ouros foron para Xoán Loureiro nos 500 metros e en lonxitude; Alejandra Souto en triple salto e 220 m valos; Daniel Loureiro nos 1.000 metros obstáculos con ría e xavelina; e para Martiño Caneda na proba de 500 metros, quen ademais acadou un novo récord galego nos 220 valos.
As dúas pratas foron para Noa Rey nos 60 metros e para Gloria Iglesias en xavelina. Os bronces viñeron da man de Xiana López en peso, de Anxo Ramilo en lonxitude e Martín Barro nos 80 valos.
No que se refire ao Campionato de Galicia Promesa SUB 23, disputado o domingo en Ferrol, Pedro Pose Regos clasificouse na sétima posición en 400 metros. Martín Liste Viaño obtivo a medalla de ouro na proba de disco 2 kg e en peso 7’250 kg, mentres que Mencía Pena Castiñeiras regresou co bronce en xavelina 600 gr.
Cómpre destacar a convocatoria de Lara López por parte da Federación Galega de Atletismo no Campionato de España por Federacións Autonómicas Sub18, o cal tivo lugar en Cidade Real.