A área de Desenvolvemento local xa está preparando unha nova edición da Feira de Gando Vacún que desde hai 2 anos se celebra en colaboración co sector gandeiro do concello. A feira, que cadra o sábado 23 de xuño, é unha cita que se enmarca na promoción do recinto feiral como eixo de desenvolvemento rural, pero tamén unha escusa para reivindicar o potencial do sector cárnico e leiteiro do territorio. A principal novidade da feira é a convocatoria do I Concurso de Fotografía Feira do Gando Vacún, co obxectivo de reflectir a gandería e a vida no rural en Moeche. Ese será o lema do certame, que contará con tres categorías: unha para instantáneas que capten a actividade gandeira, outra que deixe patente calquera modo de vida vencellado á terra ou a crianza de animais e unha terceira para aquela foto de calquera dos dous apartados anteriores que obteña máis votos a través do Facebook. As imaxes poden enviarse até o 20 de xuño a correo@moeche.gal.
O concurso está aberto a calquera idade e poderase botar man de calquera técnica e equipamento -cámaras réflex, cámaras compactas, móbiles…- xa que o importante non é tanto a calidade final -anque tamén- como o contido e significado da imaxe, que ha de ser inédita. Ao tratarse dun certame fotográfico o que se buscan son iso, fotografías creativas, non composicións dixitais nin carteis, e que, ademais sexan obra de quen as envía. Cada participante só poderá presentar a concurso unha única instantánea.
No primeiro apartado premiarase a foto dunha gandaría, podendo plasmar nela calquera actividade asociada ao traballo cotián que desenvolven as gandeiras e gandeiros, como por exemplo a mantenza dos animais, a limpeza das cortes, a muxidura, o pastoreo, etc. A segunda categoría amplía o abano temático a fotografías sobre o rural en Moeche, co obxectivo de recoller calquera elemento ou escena representativo do modo de vida no territorio en conexión coa terra. A decisión de cales son as imaxes ganadoras nestes dous apartados será cousa dun xurado composto por profesionais da fotografía e representantes de entidades do municipio. Concederanse un premio idéntico en cada categoría: un trofeo Irmandiña, un bono para as rutas xeolóxicas que organice o Concello durante este ano e entradas para a obra de teatro “A porta aberta do Castelo”.
As imaxes haberá que envialas ao correo xenérico do Concello entre o 8 e o 20 de xuño. Xunto co arquivo dixital -preferiblemente en .jpg- será necesario facer constar no correo o título e o nome da autora ou autor. Con todas as fotos recibidas activarase unha galería na páxina en Facebook do Concello de Moeche na que as persoas usuarias da rede social poderán votar dándolle ao “gústame” entre o 21 e o 28 de xuño. Ademais, o propio día da Feira do Gando vacún -o 23 de xuño- o recinto do Mercado exporá todas as imaxes en formato impreso e ao seu carón colocarase unha urna para facer votacións presenciais.
Unha vez que remate o prazo de darlle ao “gústame”, o Concello contabilizará os apoios na rede social e as papeletas para outorgar o premio do público, consistente tamén nun trofeo Irmandiña, entradas para a obra teatral e, a diferenza dos outros casos, un bono individual para a temporada da piscina deste 2018.Tanto este como os outros dous premios do xurado entregaranse o sábado 30 de xuño ás 12.00h. no Mercado de Moeche. En caso de que a persoa premiada sexa menor de idade deberá acudir acompañada da nai, o pai ou de quen exerza a súa titoría legal.