A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático presentou esta mañá esta actuación que terá lugar o vindeiro 16 de xuño e que está dentro do proxecto ‘Libera: Natureza sen basura’
A Xunta de Galicia apela ao apoio da sociedade galega para que o vindeiro día 16 de xuño as vintedúas batidas de limpeza da iniciativa 1m2 pola natureza sexan un éxito e se avance un paso máis na mitigación do impacto do lixo nos espazos naturais. Así o trasladou esta mañá a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira Costa, quen destacou que a Xunta de Galicia apoiará esta iniciativa que se enmarca dentro do proxecto Libera: Natureza sen basura, posto en marcha por SEOBirdLife e Ecoembes, para loitar contra un fenómeno que se pode denominar “basuraleza”.
A directora xeral destacou que o abandono e a acumulación de lixo nas contornas naturais converteuse nun problema xeneralizado, que ten un impacto negativo para a conservación do medio ambiente que nos rodea e, en consecuencia, no planeta.
Indicou que ante esta situación a parálise non é unha opción, polo que hai que verbalizar esta catástrofe ambiental e liberar á natureza estudando o seu impacto no medio e xerando un cambio nas condutas da cidadanía. A directora xeral sinalou que o Goberno galego quere participar nesta resposta e por iso sumará esforzos na loita contra a “basuraleza” e apoiará as accións que se leven a cabo dentro de Libera, para abordar este problema ambiental que tamén afecta ás contornas naturais de Galicia.
Neste sentido, salientou que unha primeira mostra de compromiso é a participación nas batidas de limpeza que se celebrarán o vindeiro sábado 16 de xuño, unha gran recollida colaborativa anual para liberar á natureza de lixo. Ao final desta nota de prensa indícase unha táboa coas vintedúas batidas organizadas en Galicia.
Así, as persoas interesadas poden inscribirse nalgunha das batidas previstas ata o vindeiro día 15 a través da web www.proyectolibera.org. A directora explicou que a divulgación desta actividade e accións a través das redes sociais ou entre a nosa contorna social é outro xeito de colaborar, porque divulgar o patrimonio natural é outra ferramenta válida para conservalo.
Galicia comprometida con Libera
A directora xeral destacou que a sociedade galega xa deu mostras do compromiso con este proxecto o pasado ano, a primeira edición en Galicia, na que participaron case 160 voluntarios que saíron a retirar lixo nas contornas terrestres, mariñas e fluviais.
Grazas ao esforzos destes voluntarios conseguiuse limpar sete puntos da comunidade, como o Parque Botánico de Montealegre en Ourense; a Praia da Madalena en Pontedeume ou o Merendero de Ois, no Concello de Culleredo; e recolleuse unha media de 176 quilos de lixo, entre os que se atoparon residuos como cabichas, en segundo lugar toalliñas húmidas, e en terceiro lugar, envoltorios.
Tamén ao longo do ano pasado levouse a cabo a campaña 1m2 polo campo, os bosques e o monte, na que participaron 114 persoas que recolleron información dos residuos abandonados de catro puntos, no Encoro de Pontillón, no Bosque de Ribeira do río Barcés,en Abegondo, no Concello de Oia e no Parque Botánico de Montealegre, en Ourense.
Ademais, a última campaña de ciencia cidadá, 1m2 polos ríos, encoros e pantanos, congregou a 129 persoas en catro puntos. Así, durante a semana do 12 ao 18 de marzo, lograron recoller información do barranco da desembocadura do río Pedras ou a Travesía de Meicende, entre outros.
Batidas de ‘1m2 pola natureza’ organizadas na Comunidade galega para a vindeira xornada do 16 de xuño:
Batida, Concello | Punto encontro | Horario |
Praia da Magdalena, Cabanas | Aparcamento buses | 17:00 h |
Ría do Burgo, O Temple Coruña | Na Praza Xoan Carlos II, nas inmediacións da Ría do Burgo | 17:00 h |
Paseo de Coroso, Ribeira | Ao inicio do Paseo | 10:00 h |
A Coruña | Ponte do Porco, s/n | 17:00 h |
Praia de Bar, Arteixo | Na ponte de madeira sobre o río | 10:00 |
Río Sar, Santiago de Compostela | Cruce de Galeras con Hortas | 10:30 h |
Xardíns Valle Inclán, A Pobra do Caramiñal | Nas inmediacións dos xardíns | 10:00 h |
Porto de Malpica, Malpica | Inmediacións das Illas Sisargas | 11:00 h |
Porto de Curuxeiras, Ferrol | Zona portuaria | 09:30 h |
Seoane do Courel | Estación Científica do Courel | 11:00 h |
Praia de Anguiera, Barreiros | No acceso ao areal | 17:00 h |
Praia de Covas, Viveiro | Na zona dos aseos do areal | 11:00 h |
Río Arenteiro, O Carballiño | Nas inmediacións do río | 12:00 h |
Concello de Maceda | No parque da piscina | 10:30 h |
Concello de Vilardevós | Na explanada da Capela do San Antón | 10:00 h |
Concello de Ourense | No Colexio Divina Pastora | 09:00 h |
Poza da Lagoa, Tramañó- Redondela | Na caseta forestal da área recreativa | 11:00 h |
Senda do Lagares, Vigo | No Parque de Castrelos | 11:30 |
Praia do Muíño, A Guarda | Nas inmediacións da praia | 10:00 h |
Marismas de Alba, Pontevedra | Na zona das Marismas | 11:00 h |
Concello de Redondela | Rotonda de Rande, xunto á fonte | 10:30 h |
Praia de Portocelo, Marín | Nas inmediacións da praia | 10:00 h |