O pleno da Deputación da Coruña aprobou por unanimidade un expediente modificativo de créditos por importe de 11,5 millóns de euros procedentes de superávit do seu exercicio do ano pasado. Cartos entre os que se encontra unha subvención nominativa de 151.000 euros para o financiamento dun proxecto de consolidación e acondicionamento do castelo de Naraío. Esta achega cubre o 80% dos custos da obra, cifrados en 188.750 euros, que se destinarán principalmente á preparación do recinto para que sexa accesible e visitable con total seguridade. A execución desta nova fase da posta en valor do castelo contará, ademais, coa colaboración da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, quen xa está redactando o proxecto de toda a intervención.
Para a concesión da subvención, o Concello de San Sadurniño, usufructuario do Castelo desde que se obtivese a cesión da Casa de Alba en 2005, acreditou a necesidade de coordinar as actuacións entre varias administracións, coa finalidade de levar adiante un proxecto que a solicitude municipal cualifica “dun claro interese público”.
Declarado Ben de Interese Cultural, na actualidade o castelo de Naraío non ten todos os seus elementos protexidos, nin pode ser visitado polo público en xeral con garantías de seguridade, xa que carece de accesos axeitados e, por outra banda, os elementos de protección que presenta son unicamente os que quedaran da anterior obra, rematada en 2010. Neste sentido, “é preciso actuar de maneira urxente para consolidar e protexer o ben e convertelo nun ben que a cidadanía poida disfrutar”, apunta a petición do Concello, onde se engade que a recuperación do castelo de Naraío “é tamén unha necesidade ao tratarse do único castelo da Casa dos Andrade que non está rehabilitado nin se pode visitar, como si se pode facer nos castelos e as torres de Pontedeume, Moeche ou Vilalba”.
Por outra banda, para obter a colaboración económica e técnica da Deputación da Coruña e máis da Xunta, o informe elaborado polo técnico municipal Ignacio Fernández tamén fundamenta a solicitude na “singularidade deste monumento, salientable dende o punto de vista arqueolóxico e histórico sendo un recurso cultural e turístico que vai máis alá do local”.
A subvención nominativa aprobada no pleno provincial deste venres suporá unha achega de 151.000 euros aos que haberá que engadirlles outros 37.750 procedentes de fondos municipais. No caso da Xunta de Galicia a colaboración é de carácter técnico, posto que se encargará de redactar o proxecto das obras de posta en valor do inmoble.
O edil responsable desta área, Manolo Varela, explicou que esta última fase “é resultado de anos de traballo, de múltiples xuntanzas e dun compromiso claro das tres administracións para darlle o pulo definitivo á preservación dun ben de grande relevancia histórica e cultural pero tamén turística”. Varela celebrou o apoio económico, explicando que a consignación económica “servirá para mellorar a accesibilidade ao castelo e para consolidar partes da estrutura que quedaran pendentes”. A partir de aí, o concelleiro comenta que desde o consistorio xa se están estudando fórmulas para máis adiante “coas que desentrañar e poñer ao alcance da xente todos os segredos do castelo”. Entre as ideas que se teñen en mente estaría a de promover pequenas campañas de prospección arqueolóxica “que incluso poderían ser un atractivo en si mesmo e que nos axudarían a saber máis sobre as orixes e a configuración estrutural do castelo, aínda hoxe descoñecidas”.
Manolo Varela lembra que o propio valor do castelo se complementa coas rutas de sendeirismo que pasan ao carón da fortaleza do século XIV. Unha é a do río Castro, nas parroquias de Naraío e Igrexafeita, e a outra é a GR-55 do Camiño de Santo André, trazada e desenvolvida pola Deputación entre a vila de Betanzos e o santuario de Teixido, pasando por varios mosteiros e castelos vinculados á Casa dos Andrade.
Ademais, tal e como sinala o concelleiro, o castelo e o seu entorno “é un dos puntos de referencia do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal”, debido a que se encontra nun lugar destacado da falla xeolóxica que vai desde As Pontes ata a praia de Campelo e pode ser empregado como porta de acceso ao grande bloque do Forgoselo. “De feito -apunta Varela- o rochedo da fortaleza e as fervenzas que hai preto dela permiten observar con total claridade a fractura da falla e o punto de encontro entre dúas masas xeolóxicas distintas, dunha banda os granitos da ribeira sur do Castro pertencentes á meseta do Forgoselo e, doutra, os terreos sedimentarios que se estenden ao norte, ademais de mostrar fenómenos interesantes coma as ‘pías’ ou os ‘bolos’ que despois dan lugar aos exemplos de pedras cabaleiras visibles monte arriba”.