Friday 22 de November de 2024

Os Concellos de Boqueixón, Vedra e Vila de Cruces presentan o Descenso do Ulla en Piragua na Feira Abanca Semana Verde


Os Concellos de Boqueixón, Vedra e Vila de Cruces presentaron na Feira Abanca Semana Verde o Descenso do Ulla en Piragua. Os alcaldes boqueixanés, Manuel Fernández Munín, e cruceño, Jesús Otero, e mais o edil de Turismo vedrés, Manuel Costa, participaron neste acto.

O Descenso do Ulla en Piragua celebrarase o próximo sábado 30 de xuño. Esta actividade está dirixida a maiores de 13 anos e ten un custo de 20 euros por persoa. O prezo inclúe o uso da piragua (que será de dúas prazas), chaleco salvavidas e todos os seguros.

As inscricións deberán realizarse antes do 26 de xuño. Para formalizalas, cómpre dirixirse ás Oficinas de Información Municipal Xuvenil (OMIX) de Boqueixón (981 513 061 ou no e-mail omixboqueixon@gmail.com), Vedra (981 814 691 ou en cultura@concellodevedra.com) e Vila de Cruces (986 582 017 ou en concellodeviladecruces@gmail.com).

As prazas son limitadas. Dende os tres concellos que conforman o grupo do Val do Ulla agardan superar os 300 participantes cos que contaron na pasada edición desta proposta de deporte acuático.

Percorrido de 10 quilómetros

Plantéxase un percorrido de algo máis de dez quilómetros que levará aos participantes polo curso deste río dende as Illas de Gres (Vila de Cruces, xusto na fronteira coa parroquia boqueixanesa de Ponte Ledesma) ata Agronovo (no concello de Vedra), pasando pola área de recreo de Sucira (Boqueixón).

O punto de encontro será o campo da festa de Ponte Ledesma, onde as persoas asistentes recollerán todo o material necesario para desenvolver esta actividade. Os/as participantes deberán estar alí ás 10.30 horas.

A actividade dará comezo ás once da mañá e o percorrido durará unhas dúas horas. Persoal da organización da actividade estará presente en distintos puntos de todo o percorrido para garantir a seguridade dos/as asistentes. No lugar onde rematará o Descenso do Ulla en Piragua, na área recreativa de Agronovo, ofrecerase un servizo de autobús que desprazará ás persoas asistentes ata o punto de saída.

Dende os Concellos de Boqueixón, Vedra e Vila de Cruces animaron á veciñanza, especialmente á mocidade a participar nesta xornada deportiva. Ademais, terán a oportunidade de descubrir o encanto do río Ulla, que cruza os tres municipios dende unha perspectiva diferente, ao tempo que se fomentan os hábitos de vida saudable.